Presumido, Soge Culebra e Yana Zarifo, citas musicais gratuítas da UVigo

Publicidad

Soge Culebra, álter ego de Gabriel Gómez, abrirá o vindeiro mércores 19 de febreiro no teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo a programación cultural do segundo cuadrimestre da Universidade de Vigo, con todas as actividades e concertos de balde.

Cun son a cabalo entre o rap e o reggae e con influencias do hip-hip nacional e internacional, o artista murciano de 19 anos achegará o público o seu particular xeito de entender a música. Na súa canle de Youtube suma máis de medio millón de subscritores, ao que se engaden as máis de 126 millóns de visualizacións.

A actuación de Soge Culebra comezará ás 18:30 horas e nela o artista murciano repasará os temas do seu primeiro traballo discográfico, editado por Warner en 2018, Mar de cristal, así como o seu, polo da agora, derradeiro single, ¿A dónde fuiste?. O portal de referencia da cultura urbana americana Team Back Pack cualificouno como o Bob Marley español.

Pola súa banda, a artista murciana Yana Zarifo e o grupo Presumido, conforman o cartel do Sonora´20, que se celebrará o 25 de marzo no mesmo escenario do Teatro Vidal Bolaño. A cita arrancará ás 17:30 horas coa actuación da música ucraína que non entende de fronteiras nin etiquetas. Así, mestura o castelán e o inglés, a electrónica e o pop de dormitorio, en temas con letras onde brillan a ironía e aliñeación postadolescente, e que Zafiro recompilará no seu primeiro traballo, que se publicará este ano 2020.

Pola súa banda, Presumido achegará ao campus vigués o seu novo traballo Cuatro Estaciones, o segundo LP do grupo formado por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica. Así mesmo, o grupo deixará mostra en Vigo da súa capacidade artesanal I+D+i, que lles leva a construír os seus propios instrumentos e luces para acadar o son e a escenografía desexada.

A oferta musical do segundo cuadrimestre no campus vigués rematará o venres 24 de abril a partir das 17.30 horas coa celebración do festival Ensaiamos Colleita´20 no que o protagonismo será para as sete bandas que este curso participan no programa Ensaiamos que promove a Universidade de Vigo, dotando dun local de ensaio ás formacións musicais que a el concorren.

Teatro e cinema

Á musica, sumaranse o teatro e o cine, coa celebración da vixésimo segunda edición da Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario, e coa décimo segunda edición do ciclo Cine e Lingua, nesta ocasión con películas inglesas e italianas en versión orixinal e subtituladas en español, no segundo.

Á espera de pechar o programa internacional da Mostra Internacional de Teatro Universitario, a vixésimo segunda edición arrancará o 4 de marzo coa obra da Aula de teatro da USC, En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic. As representacións continuarán o 18 de marzo con As bruxas de Salem a cargo do ESAD de Galicia, e o 1 de marzo será a quenda para a Aula de teatro universitaria de Ourense, Maricastaña, que porá en escena Imperator.

A programación do segundo cuadrimestre complétase co ciclo Cine e Lingua, no que o protagonismo será desta volta para producións inglesas e italianas en versión orixinal con subtítulos en español. No auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas as proxeccións comezarán o 3 de marzo con Bagdag Café de Percy Adlon e continuarán o 17 de marzo con Grand Budapest Hotel de Wes Anderson; o 24 de marzo con Maudie de Aisling Walsh e o 31 con Stefan Zweig: Farewell to Europe de Maria Schrader.

O 21 de abril comezarán as películas italianas co Una gornata particolare de Ettore Scola e seguirán o 28 de abril con Se dio vuole de Edoardo Falcone, para rematar o 5 de maio con Il divo de Paolo Sorrentino.

Salir de la versión móvil