O Concello de Nigrán súmase por terceiro ano consecutivo ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega para limpar novamente o esteiro da Foz, na Ramallosa, o domingo, 1 de outubro.
Todas as persoas que desexen participar nesta limpeza masiva e voluntaria, que se levará a cabo simultaneamente en 46 concellos de toda Galicia, poderán anotarse, no caso de Nigrán, chamando ao teléfono do Concello, 986.365.000. A área de intervención será o esteiro da Foz e o sistema dunar de Praia América-Paxón.
O punto de encontro é xunto a capela da Alameda de San Campio (A Ramallosa) ás 9.00 horas para poder realizar a limpeza no esteiro con marea baixa. O Concello facilitará camisetas conmemorativas á xornada, bolsas, luvas e pinchos para recoller o lixo máis comodamente, recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.
O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do Goberno. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz preto de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes...
“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesta a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito. Dende o inicio eliximos o Esteiro de A Foz porque é un espazo que abrangue aos tres municipios do Val Miñor e que posúe unha gran riqueza natural que debemos preservar ao máximo entre institucións e veciñanza”, subliña o edil de Medio Ambiente, Diego García.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.