Radio Cos, Os Carunchos e Susana Seivane, pratos fortes do intercéltico de Mos

Publicidad

Quedan algo máis de 24 horas para que a contorna do Pazo de Mos acolla unha nova edición do festival intercéltico “O Son do Pazo”. Trátase da terceira edición que se celebra en Mos e que este ano quere reforzar a súa aposta no folk galego.

Hoxe, a partires das 22:30 horas, arrancará a festa co son dos anfitrións, a Banda de Gaitas Airiños do Castelo, do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. A súa actuación servirá de aperitivo para os dous pratos fortes da noite, Radio Cos e os Carunchos, dous grupos que marcaron tendencia na evolución da música tradicional galega nos últimos anos. E para que a festa non pare, o grupo de gaitas Xiada encargarase de amenizar os intermedios entre os concertos.

O sábado a programación de ‘O Son do Pazo’ arrancará xa a mediodía, cunha sesión vermú con polbo á feira e un obradoiro de danza irlandesa a cargo de Irish Treble. Tralo xantar popular (para o que xa están pechadas as inscricións) a praza do Pazo de Mos acollerá unha nova edición de BailaMos, o festival de danza tradicional do Concello de Mos, no que participarán sete agrupacións diferentes do concello de Mos. O grupo folk Algarabía encargarase da animación musical do evento.

A noite chegará o prato forte do festival da man de Susana Seivane, recoñecida gaiteira que incorpora ritmos e estilos da música moderna á tradición gaiteira de Galicia.  Na actualidade, Seivane conta con cinco discos publicados, o último deles en 2015, con temas como “Curuxeiras”, “Foliada de Quinteiro” ou “Mazurcas das Rías Baixas”.  Nada en Barcelona, en 1976, pronto se interesou pola música galega, xa que forma parte dunha das familias con máis prestixio e sona dentro do mungo da gaita e da artesanía en Galicia. Na noite do sábado tamén subirán ao escenario Chavellos, Irish Treble e Abóbriga.

Xaime Estévez, Premio ‘Mestre Machiño’ 2017

Entre as novidades desta terceira edición de ‘O Son do Pazo’ destaca a entrega, por primeira vez, dos Premios ‘Mestre Machiño’, cos que se quere recoñecer o traballo de persoas ou colectivos que destacaran na loita pola conservación da cultura tradicional e o folclore de Galicia.

A Comisión Organizadora do Festival elixiu, como galardoado nesta primeira edición dos Premios, ao profesor e investigador musical Xaime Estévez Vila, natural do concello de Mos e mentor dalgúns dos gaiteiros máis prestixiosos do panorama musical galego. Leva décadas vencellado á divulgación da música tradicional e é o autor de numerosos estudos académicos sobre a historia da música galega. A Asociación de Gaiteiros Galegos publicoulle en 2012 a primeira metodoloxía infantil para gaita galega, "Son Do Fol", e foi profesor no Conservatorio Superior de Vigo. Actualmente dirixe o coro galego do Círculo Cultural Abrente e o grupo infantil de gaitas Os Novos Galiños de Belesar. Ademais, toca o acordeón nos Terribles de Donas.

Os premios ‘Mestre Machiño’ nacen como homenaxe a Alejandro González ‘Machiño’, o antigo profesor de baile galego do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, falecido no pasado mes de marzo. Natural de Chapela, empezou a dar clase en Mos no ano 1999 e integrouse na vida social da parroquia case coma un veciño máis. Os seus alumnos falan del coma dunha persoa “carismática, cariñosa e amigable” e a organización de ‘O Son do Pazo’ quere que o seu nome quede ligado á parroquia e ao Círculo Cultural a través da concesión deste recoñecemento.

Salir de la versión móvil