Redondela organizará un concerto como parte do programa de Normalización Lingüística dos institutos. Máis de 400 escolares dos catro institutos de Redondela asistirán ao concerto dunha artista local, Wöyza.
Trátase dunha cantante, compositora e produtora viguesa, escollida para actuar en Redondela no marco desta iniciativa. A actuación da artista será o venres, día 10 de abril, ás 12:00 horas na Alameda Castelao. Deste xeito, será unha actuación á que asistirá o alumnado dos IES Chapela, Floriani, Illa de San Simón e Mendiño, que participaron na campaña "Unha semaniña enteira".
- Te puede interesar: Ponen en marcha en Redondela un nuevo Servizo de Atención Temperá para niños de 0 a 6 años
Foron os propios escolares quen escolleron a artista viguesa para o concerto que pecha as actividades do programa. Trátase dunha voz consolidada no panorama musical, cantante, compositora e produtora, considerada unha das pioneiras do hip hop en Galicia. Fusiona distintos xéneros como soul, rap, góspel e rhythm and blues. A súa música, marcada polo contido social e polas experiencias persoais, tamén revisa o repertorio tradicional galego fusionándoo con expresións musicais contemporáneas.
"Unha semaniña enteira"
A iniciativa "Unha semaniña enteira" xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos e ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade. O reto que deben superar é falar galego durante sete días as 24 horas. Para este propósito, o Concello de Redondela mobilizou distintos sectores sociais para contribuír ao uso da nosa lingua e animar á poboación a empregar o galego.
- Te puede interesar: Redondela anuncia las excursiones para la tercera edad con los primeros tres viajes en abril
A alcaldesa, Digna Rivas, confía en que actividades coma estas sirvan “para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para seguir colaborando en todas as iniciativas que se poñan en marcha a favor da lingua”.
