Redondela aposta por festexar unha Festa da Coca "distinta e participativa"

Publicidad

A Festa da Coca, unha das celebracións de máis sona do municipio de Redondela e un dos seus “símbolos de identidade”, estará marcada nesta edición do 2020 polas restricións impostas pola pandemia da COVID19, situación que non impedirá que o municipio viva esta celebración “dun xeito diferente e, ao mesmo tempo, máis participativo”, sinala o Goberno redondelán.

Co obxecto de analizar o novo panorama provocado pola crise sanitaria, onte luns, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e a concelleira de Eventos, Marta Alonso, mantiveron unha xuntanza telemática con representantes dos colectivos que fan posible a Festa da Coca: as ‘burras’, danza das espadas e alfombristas, amais do cura párroco de Redondela.

A primeira conclusión extraída da reunión é a imposibilidade de celebrar a Coca como se viña facendo tradicionalmente polo que, neste 2020, non haberá procesións, nin confección de alfombras, dado que “constitúen actividades multitudinarias non permitidas pola actual situación sanitaria e que, en todo caso, serían un risco evidente para a saúde”.

Concello e asociacións coinciden, porén, en buscar alternativas que permitan a celebración desta festa, “símbolo de Redondela”. Trátase, sinala Digna Rivas, “de reinventarse fronte a adversidade, e buscar novas vías que permitan manter unha das tradicións seculares do noso municipio”.

Marta Alonso e Daniel Boullosa, adiantaron que, en colaboración coas ‘burras’, danza das espadas e alfombristas, estase a confeccionar un vídeo “no que se recolle, polo miúdo, todo o conxunto de actividades que forman parte da Festa da Coca e que a fan única”.

Do mesmo xeito, animarase á veciñanza a confeccionar, nos seus domicilios, alfombras florais para difundilas polas redes sociais “conseguindo unha Festa da Coca diferente, pero ao mesmo tempo, participativa como corresponde a unha celebración que é patrimonio de todos e todas”, apunta a alcaldesa de Redondela.

Doutra banda, o Concello tamén poñerá en marcha “iniciativas sorpresa” de cara a darlle unha maior difusión a unha festa na que, adianta o Goberno local, “non lle faltará a música, porque a Banda si poderá facer os seus tradicionais pasarrúas mantendo as medidas de seguridade que impón a actual situación sanitaria”.

Salir de la versión móvil