A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de anunciar a posta en marcha distintas propostas coa finalidade de celebrar a Semana das Letras Galegas. As iniciativas desenvolveránse a través das redes sociais de cara a afondar sobre a figura do homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero, a pesar das restricións que impón a actual situación de crise sanitaria da COVID19.
Cada día haberá propostas de actividades, para crianzas e adultos, co fin de celebrar estas datas “dun xeito diferente pero sempre co propósito de defensa e promoción da lingua de Galicia”, apunta o SNL que, ao mesmo tempo, adianta que a programación prevista para estas xornadas, antes do confinamento, “quedará adiada a outubro, cando, o día 31, a Real Academia Galega celebre o Día das Letras Galegas, tal e como informou a propia RAG”.
Polo tanto, no perfil de Facebook do SNL de Redondela, haberá documentos históricos que recollen entrevistas a Ricardo Carvalho Calero. A isto, súmanselle fichas didácticas para cativos e cativas, textos de Carvalho Calero musicados e outras propostas lúdicas que nos sirvan para coñecer mellor o autor.
A maiores, o Servizo de Normalización Lingüística pon en marcha unha iniciativa denominada ‘Con acento e coñecemento’. Trátase da gravación de minivídeos (1-2 minutos de duración) nos cales as persoas maiores ensinen as crianzas contos, lendas, nomes de flores, adiviñanzas ou calquera experiencia que se queira compartir.
Estes minivídeos compartiranse no perfil de Facebook do SNL durante todo o mes de maio. O traballos deberán enviarse ao enderezo electrónico normalización@redondela.gal.