“Redondela sempre apostou pola diversidade, a tolerancia e a igualdade de dereitos e, neste ano, reafirmamos ese compromiso dende o convencemento de que so co respecto e a tolerancia na diversidade, poderemos acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria e decente”. Con esas palabras avanzaba a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o programa de actividades para o Día LGTBQI+ que será presentado máis amplamente esta semana nun encontro cos medios de comunicación.
Os actos previstos comezarán o 25 de xuño, xornada na que, por primeira vez, iluminarase coas cores arco iris a ponte de madeira da Alameda Castelao, un alumeado que, sinalou a rexedora local, “servirá para amosar noso compromiso con esta xornada pero, ao mesmo tempo, acenderase noutras ocasións, coas cores de diversas iniciativas sociais solidarias”.
O día 28, xornada do Día LGTBIQ+, ás 12:00 horas terá lugar a lectura do manifesto, para o que se conta coa colaboración das asociacións Irisar, de Redondela, e PVLSE. Nesa mesma xornada terá lugar a posta en marcha doutra iniciativa pioneira, como é a presentación do photocall 'Posa pola Diversidade', que se desenvolverá na Praza do Concello.
Xa o 2 de xullo e na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira, terá lugar unha charla coloquio, impartida pola asociación PVLSE, que levará por título 'Diverdidade e Historia LGTBI'.
Ese mesmo día, ás 21:30 horas, quedará instalado na Alameda Castelao un 'Punto de información ArcoIris' e a xornada pecharase ás 22:00 horas co concerto de Sacha na Horta, tamén na Alameda Castelao.
Un programa, sinala a alcaldesa de Redondela, “co que demostramos, unha vez máis, que Redondela, como cuarto municipio da provincia, ten que estar ao fronte de iniciativas que dean visibilidade a diversidade dentro da normalidade social”.