O Día Nacional de Galicia celebrase xa en Redondela a golpe de cultura. Da mellor cultura galega. A programación especial deseñada polo Concello para conmemorar o 25 de xullo comezou o pasado venres, ás 22:30 horas, na Alameda de Castelao, coa proxección da película “Cuñados”. Dende a chegada do actual Goberno que preside Digna Rivas, os actos de celebración do Día Nacional de Galicia pasaron, nunha primeira etapa, de un a dous días para, neste 2021, alongarse durante tres xornadas para, en palabras da rexedora, “reforzar e reafirmar o orgullo de ser galegos e galegas, de poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa propia identidade como pobo”.
O día 24, ás 22:00 horas, o paseo marítimo de Chapela vestirase de gala para acoller o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, un espectáculo que, tal e como lembraba Digna Rivas, o pasado ano tivo que ser suspendido pola COVID19 e que este ano será unha realidade.
O día 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, ás 20:00 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o acto institucional no que, adiantou a alcaldesa, terán protagonismo os cativos e cativas do campamento de conciliación. A participación de nenas e nenos neste acto é considerada “fundamental dende o convencemento desde Goberno que é preciso sementar a nosa identidade de galegos e galegas e o orgullo que iso supón”, dende as idades temperás”.
A xornada do día grande de Galicia pecharase co concerto de Sés ás 22:00 horas no Campo de Feira, cantante que, afirmou Digna Rivas, “non precisa presentación” xa que é “unha muller comprometida que nas súas cancións pon o foco sobre o feminismo, a tradición, o compromiso e o empoderamento cultural feminino”.
A entrada é totalmente de balde e poderanse retirar anticipadamente no Multiúsos da Xunqueira e no Multiúsos de Chapela. Unha parte do aforo reservouse para entregar o mesmo día da actuación nas entradas ao recinto, nos puntos marcados como recollida de entrada finais, ata esgotalas.
O concerto desenvolverase con estritas medidas de seguridade sanitaria e, para iso, habilitáronse un total de tres puntos de entrada. As portas abriranse ás 21:00 horas de cara a evitar aglomeracións e, ademais, é obrigatorio o uso de máscara de protección e as cadeiras non poderán moverse do lugar no que están situadas. A alcaldesa Digna Rivas expresou a súa satisfacción polo feito de que, ano tras ano, “a veciñana de Redondela síntase cada vez máis identificada con esta xornada, participa, reúnese para festexala e cada vez son máis as veciñas e veciños que acoden a celebrar o acto institucional con nós”.