Redondela organiza unha ampla programación co gallo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os actos comezarán este venres, día 17, con programación infantil e para o público en xeral e extenderánse ata o mércores 1 de decembro.
Así, o auditorio do Piñeiral de Chapela acollerá ás 18:30 horas do venres 17 de novembro o contacontos "Sen Medo" de Trécola Teatro para o público infantil. Ás 20:00 horas terá lugar a obra de teatro "Golpes", de Estíbaliz Veiga, no auditorio da Xunqueira para o público xeral. Esta obra conta a historia de Pamela, unha moza que sufriu violencia machista. Trátase dun espectáculo directo, próximo, que xoga co impacto directo da posta en escena, sen trucos dramatúrxicos ou de escenografía. A obra está apoiada só no traballo da actriz, quen incorpora múltiples personaxes diante dos ollos do espectador.
A próxima semana, entre o luns día 20 e o xoves 23 de novembro, celebraranse no auditorio da Xunqueira as charlas interactivas "Falemos de sexo", impartidas por Lucía Pereda (Talentea) para o para o alumnado dos IES do Concello. O mércores 1 de decembro celebrarase tamén esta charla dirixida ás familias do alumnado ás 19:00 horas.
O mércores día 22 de novembro a veciñanza poderá participar no roteiro guiado "As Mulleres da Vila" que partirá desde Vilavella e estará guiada por Soledad Chayán de Mellor con Guía. Para esta actividade é preciso reserva precia na Oficina Turismo (986401713 ou turismo@redondela.gal).
Os escolares e colectivos do municipio serán os protagonistas o venres día 24 de novembro coa lectura dos manifestos elaborados por eles ás 12:00 horas na praza do Concello. A xornalista e tiktoker galega María Foscaldo, que dá vida a “Virtudes a Repunante” nas redes, será a encargada de presentar o acto. Media hora máis tarde, ás 12:30 horas no Salgueiral terá lugar a entrega floral e unha lectura de poemas. A xornada contará coa actuación do Cuarteto de Cordas do Conservatorio Municipal.
A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, salienta a importancia de conmemorar esta data con actividades para público de todas as idades, tanto nenos como adolescentes e adultos, "dada a importancia de concienciar á cidadanía na igualdade e na erradicación dos comportamentos machistas en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade".
Pola sua parte, a alcaldesa, Digna Rivas, sinala o traballo que se fai desde o Concello de Redondela "non só este día, senón ao longo de todo o ano pola eliminación da violencia contra as mulleres". Ademais da programación co gallo do 25N "o goberno local aposta por políticas transversaisen todos os ámbitos pola igualdade e contra a violencia machista de calquera tipo".
Gala Sesé Mateo
Ademais, o auditorio da Xunqueira acollerá o día 24 ás 20:00 horas a Gala Sesé Mateo, onde se fará entrega do III Premio de Xornalismo Sesé Mateo, no que se recoñece a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista. Presentada por Laura Vaqueiro (CRTVG) e coas intervencións das xornalistas Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), a gala contará tamén coa asistencia de Joshua Matheo, fillo de Sesé. Participarán as Aulas Municipais de Teatro e o grupo musical Faíscas.
Acto Institucional
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o sábado 25 de novembro, celébrarase na Praza do Concello un acto ás 12:00 horas coa lectura da Declaración Institucional e a actuación da actriz e dramaturga Arantxa Treus coa peza "Sorpresa". As actividades continuarán o domingo día 26 en Vilavella ás 12:00 horas co espectáculo "Danza na Rúa" contra a Violencia Machista, cunha "flashmob" participativa con todos os grupos de baile do municipio.