Revenidas, o festival de música para gozar do talento galego, feminino e emerxente

Publicidad

O festival Revenidas presentou este xoves oficialmente a que posiblemente vaia ser a edición máis exitosa da súa historia. “Non só porque os 6.500 abonos que se puxeron á venda estean esgotados dende un mes antes do inicio do festival”, subliñou o seu organizador, Xoán Quintáns, senón por “xerar unha importante colaboración entre o sector público e privado” e por ser quen de “crecer sostiblemente sen perder a súa identidade nin o apego ás súas raíces”.

Quintáns asegurou que “despois de 20 anos pódese dicir que o Revenidas é unha iniciativa consolidada”. E baseou o seu argumento en datos como que na edición de 2003 o festival contou cun orzamento de 6.000 euros en tanto que o deste ano supera os 200.000. Ao tempo, tamén lembrou que o festival xera 300 postos de traballo, na súa meirande parte de persoas de Vilaxoán e da súa contorna.

Para o responsable do festival, a edición que comeza o xoves 7 de setembro “é moi Revenidas”, no sentido de que representa e é fiel ás liñas que o evento veu mantendo dende os seus inicios. “Cunha programación para todos os públicos, cunha xornada -a do domingo- de portas abertas, cunha interesante oferta de actividades paralelas e cun cartel de artistas que aposta polo talento galego, feminino e emerxente”.

Oferta desestacionalizadora

No transcurso da presentación, celebrada hoxe no centro sociocultural de Vilaxoán, o alcalde de Vilagarcía destacou a aportación do Revenidas como “evento musical de referencia” da cidade e subliñou que o feito de que non se celebre en xullo nin en agosto, senón en setembro contribúe “a desestacionalizar e alongar o verán”. Para Varela “poucos festivais, por non dicir ningún, ten tanto sentido, tanta identidade propia e tanto vínculo co seu territorio”.

Os festivais como recurso turístico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, puxo de manifesto a importancia que ten “este tipo de oferta complementaria que supoñen festivais como o Revenidas” á hora de atraer visitantes a Galicia. Merelles lembrou que as 179 actividades culturais programadas ou apoiadas pola Xunta en 2022 congregaron a un millón de persoas. “E este ano cremos que imos a acadar un cifra parecida”, sinalou o director, quen rematou dicindo que “é por iso que dende Turismo de Galicia seguiremos apostando polos festivais musicais como recurso turístico”.

En termos semellantes manifestouse a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro. “Ano tras ano estamos a comprobar a capacidade de festivais como o Revenidas para fomentar o desenvolvemento económico das súas áreas de influencia e para atraer a xentes que se achegan dende toda Galicia e dende o resto do estado”. É por iso, engadiu, que “o turismo de festivais é tan importante”.

Sinerxias compartidas

O director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou a importancia que están a acadar os festivais de música “non só polas repercusións que xeran no sector cultural” senón tamén polas sinerxias que comparten con outros sectores fundamentais para a economía galega, como a hostalería ou o turismo. Jacobo Sutil enfatizou a importancia de que no fomento e patrocinio deste tipo de eventos conflúan a iniciativa pública e a privada. “Compráceme ver que os valores que transmite a cultura son valores que as empresas privadas queren asociar tamén ás súas marcas”. Neste sentido, o representante dunha das empresas privadas que patrocinan o Revenidas, Jesús Manuel Sanz, field marketing de Mahou, baseouse en que “os encontros entre persoas son esenciais para vivir mellor”. É por iso e con ese obxectivo, engadiu, que “para nós é fundamental traballar con eventos nos que está presente a música e a gastronomía”.

O Revenidas 2023

O Revenidas comezará o xoves 7 de setembro coa presenza de dous dos grandes nomes de referencia da nova escena latinoamericana como son Panteón Rococó e Ana Tijoux, xunto a Desakato (que ofrecerán en Vilaxoán o seu derradeiro concerto antes de despedirse como banda o 11 de novembro), a combativa activista feminista arxentina Sara Hebe, a gañadora do concurso Sonidos Mans HYDN, o festivo colectivo madrileño de cumbia-punk, rap e electrónica Tremenda Jauría, The Skarnivals, Arrythmia e A Duendeneta.

A segunda xornada do festival, a do venres 8, reunirá aos valencianos Zoo, a gran revelación da música galega deste 2023, Fillas de Cassandra, aos tamén valencianos e igual de comprometidos Los Chikos del Maíz, o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak; o novo grupo de Evaristo Calvo, Tropa do Carallo; Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo e A Duendeneta.

O sábado 9 de setembro o Revenidas recibe a Ska-P, que ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia deste ano. Ese mesmo día terá lugar o concerto especial do XX Aniversario de Dakidarría, con feixe de artistas convidados e que será gravado para se converter no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor. Completan o cartel do sábado o músico asturiano Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, La Élite Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos e A Duendeneta.

A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria contará no musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pechar o Revenidas 2023.

A programación do Revenidas complétase cunha serie de actividades paralelas. A primeira delas é o roteiro Redescubre Vilaxoán, guiado por Xurxo Souto, que partirá ás 17:00 horas do xoves 7 de setembro. Os concertos a bordo -pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo dun barco do xeito- terán lugar o sábado 9 (Zeltia Irevire, Sheila Patricia e Antía Ameixeiras) e o domingo 10 (MJ Pérez, Su Garrido e Tanxugueiras). O prezo das entradas para os concertos a bordo é de 30 euros (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía. A venda de entradas para os concertos a bordo e a inscrición para roteiro con Xurxo Souto estarán activas dende as 12:00 horas do venres 1 de setembro. A tradicional sardiñada popular, que foi a que deu orixe ao festival, celebrarase o domingo 10 de setembro a partir das 13:30 horas.

Entradas

O elevado ritmo de vendas desta edición do Revenidas provocou que a falta dun mes para a celebración do festival xa estiveran esgotados tanto os abonos como as entradas para o sábado. Quedan disponibles entradas para o xoves a un prezo de 30 euros (+gastos de xestión) e para o venres, a 35 euros (+gastos de xestión). Todas as actuacións da xornada do domingo son de balde e con entrada libre.

Salir de la versión móvil