Revenidas, un "festival en conserva" para este 2020

Publicidad

Ante a complexidade de levar a cabo un evento das características do festival Revenidas no 2020, a organización do festival vese na obriga de aprazar a súa 17ª edición, prevista para a segunda fin de semana de setembro en Vilaxoán de Arousa. Para poder manter o estándar de calidade que o Revenidas acadou nos últimos anos, non perder a súa esencia e garantir a seguridade de todas as persoas asistentes e traballadoras, o festival pasará a celebrarse os días 10, 11 e 12 de setembro do 2021.

A organización quere amosarlle unha vez máis o seu agradecemento a “institucións e patrocinadores, habitantes de Vilaxoán, artistas e público fiel que amosaron o seu apoio ao festival ao longo de todo este camiño”.

As persoas que mercaron a súa entrada e queiran gardala para asistir ao festival no 2021 poderán facelo automaticamente, non será precisa ningunha xestión máis. Se, pola contra, alguén quere solicitar a devolución do importe do seu abono, poderá facelo ao longo de todo o próximo mes de xullo (dende as 00:01 do mércores 1 ata as 23:59 do venres 31). A plataforma de venda contactará con todas as persoas compradoras para facilitarlles máis información e que poidan escoller a opción que mellor lles conveña.

Aínda así, a organización do Revenidas non quere que este ano non exista un punto de encontro co seu público e, por iso, está preparando para o próximo mes de setembro un “Revenidas en conserva”, un formato moi reducido do festival no que terán lugar concertos e distintas actividades gastronómicas e interdisciplinarias ligadas ao territorio, á tradición e á cultura mariñeira da zona.

Salir de la versión móvil