O Revoltallo "ficha" a Ortiga, High Paw e De Vacas na súa edición antiCovid

Publicidad

O festival de música Revoltallo regresará este 2020 a Valadares. A cita coa música emerxente da parroquia viguesa volverá facernos vibrar os próximos 18, 19 e 20 de setembro “ofrecendo música segura cun protocolo específico contra a Covid-19 e proseguindo a súa aposta pola música en galego e actividades para toda a familia”. A entrada é gratuíta e a programación e horarios darase a coñecer nos vindeiros días.

O Revoltallo chega de novo tras a súa reformulación ideada pola Xuntanza Xuvenil co apoio do Centro Cultural de Valadares para erixirse como unha cita para toda a familia nos diferenes espazos que rodean ao centro veciñal. Os concertos, núcleo central do Revoltallo, terán lugar na Carballeira do Pedregal, un entorno privilexiado no que a natureza fusionase cos sons e as actividades cun aforo reducido de 350 persoas para garantir todas as medidas de seguridade e hixiene marcadas polas autoridades sanitarias.

O cartel desta edición estará comandado por Ortiga, High Paw e De Vacas xunto con algunhas das bandas locais máis prometedoras da escena viguesa.

Quen foi ata fai tan só algún tepo a metade de Esteban & Manuel, renace agora da terra en forma de planta silvestre, con petiscos pero imposible de arrincar do chan. Ortiga é o proxecto en solitario no que Rizo trae as súas melodías pop, a súa querenza verbenera e esa inapelable destreza para crear un imaxinario sonoro no que conviven Rubén Blades, orquéstra Panorama, Metallica ou Bad Bunny.

O selo vigués no máis alto do cartel estará protagonizado pola viguesa High Paw. A pesar da súa xuventude, é xa un clásico da salas de música en directo de Vigo co seu estilo reggae e a súa música chea de matices. High Paw é, como se autodefine, “unha singjay de Vigo influenciada pola música jamaicana e soul”.

Por último, De Vacas é o grupo composto polas voces de Daia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero xunto á guitarra de Guillerme Hernández que versiona con particular retranca hits mundialmente coñecidos. De Vacas reivindica o “guachinein, esa lingua minorizada”, como aseguran as súas integrantes, ainda que tamén se recoñecen “amantes dos nosos poetas e de Enrique Iglesias”.

Xunto a eles estarán tamén Margarida Mariño, Monoulious DOP, La Chata Soul, Noar e Adrian Timms, entre outros. Esta cita proporciona, ademais de música en directo segura para todos os asistentes, un espazo con actividades familiares e obradoiros ao aire libre na contorna do Centro Veciñal e Cultural de Valladares.

“A pesar das grandes dificultades coas que nos atopamos para sacar adiante o festival este ano cheo de adversidades, conseguimos que a música emerxente galega non perdese o seu espazo dentro do circuíto de festivais galegos, e xa son 27 anos ininterrompidos dando a coñecer os novos talentos que crean na nosa lingua. O compromiso e tenacidade da organización para non deixar caer esta cita mítica coa música en Valadares, farán que o Revoltallo siga entre nós moitas edicións máis”, sinalan dende a organización.

O Revoltallo naceu na década dos noventa dunha novidosa idea de incluír estilos tan diferenciados como o indie, techno e o hardcore, cun presuposto moi limitado pero defendendo ano tras ano o seu humilde cartaz ante os seus máis acérrimos seguidores. Esta é a XVII edición ininterrompida que aposta polos novos intérpretes galegos, consolidando o seu espazo como o festival que descubre aos novos intérpretes do futuro.

01ene00:0000:00

Fecha

jueves, 1 enero 12:00am - 12:00am(GMT+01:00)

Salir de la versión móvil