Efervescencia cultural en Redondela. A vila celebra este venres 7 de agosto a súa histórica cita co Festival de Artistas de Rúa, que cumpre a súa 21 edición. Dende as 20:00 horas da tarde e até case chegada a medianoite diferentes espectáculos de alto nivel en Galicia chegarán as rúas e prazas do municipio, este ano adaptados á normativa COVID.
A cita comezará co pasarrúas de animación “O estrano caso do dentista da rúa Brasov” o que afondarán na historia dun dentista da Europa do Leste que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa pequena consulta ambulante. Arrancará na rúa Alfonso XII e percorrerá a rúa da Ribeira e o paseo da Xunqueira.
Ás 20:30 horas a Alameda Castelao contará con La Coquette de Kanbahiota. Trátase dun espectáculo de aéreos con Rossina Castelli e Abraham Pavón como protagonistas, no que achegan ao público unha nova proposta de acrobacias aéreas con impresionantes rutinas de trapecio, escada e verticais. Todo isto sen esquecer o humor e o clown.
Ás 21:00 horas a Praza da Constitución acollerá a representación de Ghop! da compañía Teatro ó Cubo. Pensado para público maior de cinco anos, trátase dun espectáculo participativo e cheo de humor con estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas de vilas e aldeas.
Trinta minutos máis tarde, a Praza da Torre será o escenario de “As bombas e o xeneral” de Tanxarina. É un espectáculo onde se recrea con siluetas animadas, música e actores a historia dun xeneral que quere organizar unha guerra e para iso conta cun arsenal de bombas atómicas. Os átomos saben das intencións do militar e deciden fuxir a un lugar mellor.
Ás 22:00 horas o Circo do Lume de Asacocirco tomará a Alameda de Castelao. Trátase dun espectáculo para todos os públicos que consta de emocionantes números que mesturan danza con malabarismos, pirofagia, humor e trato co público.
Pecharán esta edición, ás 22:45 horas, o dúa cómico de Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco co seu show “Somos Criminais”. Na pista da Xunqueira esta dupla de humor preguntarase se temos unha cultura criminal propia ou delinquimos como galegos. Para responder a estas preguntas, Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego.
O festival, organizado polo Concello de Redondela, contará este ano con cadeiras nas que os espectadores deberán estar sentados en todo momento mentres dure cada espectáculo, así como dispensadores de xel hidroalcólico. Amais, o escenario estará situado a unha distancia de catro metros con respecto ao público. A máscara será sempre obrigatoria.