Rock in Río Tea pecha agosto cos concertos gratuítos de SonDaRúa e MClan

Publicidad

Volve o rock a Ponteareas. SonDaRúa e MClan serán os cabezas de cartel dunha nova edición do festival Rock in Río Tea, que se desenvolverá no parque da Feira Vella o venres 27 e o sábado 28 deste mes. A Asociación Rock in Río Tea, o Concello de Ponteareas, e a Deputación de Pontevedra organizan este evento que terá entrada de balde, pero con aforo limitado.

A primeira xornada do festival comezará o venres 27 ás 20:00 horas coa actuación de GHZ. A continuación subirán ao escenario os ponteareáns de SonDaRúa, grupo de rap galego formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ. Para a organización é un orgullo “invitalos por primeira vez ao Rock in Río Tea”, explicaron durante a presentación da programación.

SondaRúa vén de presentar en 2020 o seu último traballo, no que continúan co seu estilo que sempre bebe da ironía, da musicalidade e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política.

O sábado será a quenda de Eladio Santos, tamén ás 20.00 horas, e a noite pechará por todo o alto ao ritmo de MClan. Carlos Tarque, cuxa nai é de Ponteareas, e Ricardo Ruipérez preséntanse a soas nunha xira íntima. Sen a súa habitual banda, repasarán temas seleccionados de todo o seu repertorio en formato acústico. Unha ocasión especial, nunha situación excepcional, para escoitar os seus clásicos reinterpretados cun matiz diferente.

O Rock in Río Tea 2021 regresa cun sistema de reserva de entrada a través de internet debido aos condicionantes de aforo da pandemia, pero mantén a súa aposta polo acceso gratuíto, xa que a entrada é de balde e funciona soamente como invitación. Pódese conseguir nesta ligazón. O aforo está limitado a 400 peroas e existen dúas modalidades de entrada: "Entrada Xeral" e "Lista de espera". Para cada día haberá 400 entradas de tipo "Entrada Xeral". Con elas pódese garantir a entrada sempre que se chegue ao recinto entre as 20:00 e as 21:00 horas. A partires das 21:00 horas poderán entrar tamén as persoas con entrada de tipo "Lista de espera" se non se completou o aforo.

Salir de la versión móvil