157 anos despois de que Cantares Gallegos se editara por vez primeira na imprenta viguesa Juan Compañel, Rosalía de Castro volverá percorrer as rúas de Vigo. A Deputación de Pontevedra organizará o vindeiro 24 de febreiro unha visita teatralizada da máis celebre escritora galega polas rúas do Casco Vello que finalizarán cunha representación na nova sede provincial na rúa Chao.
Co gallo de celebrar o 183 aniversario do nacemento da grande protagonista do Rexurdimento galego decimonónico, a institución provincial escolle nomeadamente a xornada do seu nacemento para que, dalgún xeito, Vigo e Rosalía volvan camiñar xuntos. Xunto a escritora, estará tamén o pintor e escritor Modesto Brocos, responsable do único retrato, aínda que pouco coñecido, para o que Rosalía posou.
Rosalía de Castro e Modesto Brocos estarán interpretados polos Quinquilláns, compañía especializada nas recreacións de personaxes históricas. Ambos comezarán o seu paseo polas rúas do Casco Vello para rematar, ás 19:00 horas horas, cunha representación na sede provincial da Deputación en Vigo.
A homenaxe rosaliana enmácarse dentro da nova programación cultural que a Deputación de Pontevedra organizará ao longo dos vindeiros meses en Vigo. En febreiro, tamén se organizará un desfile que, segundo explicou a presidenta provincial Carmela Silva en rolda de prensa, busca “poñer en valor o traxe tradicional, os tecidos, a conservación e o gran legado que tena provincia co máximo rigor histórico”. Esta particular pasarela de moda do Traxe Tradicional está organizada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas e nela poderanse contemplar “auténticas xoias antigas”, segundo avanzou a presidenta provincial.
No marco do desfile, que comezará ás 20:30 horas, organizarase tamén unha mostra de artesanía galega da man de Elena Ferro (zoqueira de Vila de Cruces) e Paula Ojea (ceramista de Vigo), ambas Premio Nacional de Artesanía.
Programación especial 8M
Aínda que o goberno provincial “reivindica a igualdade ea loita contra a violencia machista os 365 días do ano”, segundo expresou Silva en rolda de prensa, a Deputación organizará un intenso programa de actividades para acompañar a celebración do 8M, Día Internacional da Muller.
A programación comezará coa exposición “Sempre Marzo” (3 de marzo, 20:00 horas) na que 33 creadoras e creadores galegos amosan a súa ollada en torno a igualdade e e feminismo a través da arte plástica e a poesía. Baséase no libro homónimo coordinado por Yolanda Castaño.
O 4 de marzo terá lugar “Letras en feminino” no que autoras de narrativa e poesía visibilizarán a “revolución da literatura en Galicia onde as mulleres ocupan grandes espazos”.
Tamén en marzo, os días 5,6 e 9, celebrarase un ciclo de "Cinema en feminino" coas proxeccións de Ouaga Girls, diferentes cortos financiados pola Deputación, e Sonita.
Completarán a programación feminista “Muller por Muller”, a primeira gran exposición da sala Maruja Mallo e unha mostra dos carteis da manifestación do propio 8M.