"Render homenaxe ás letras, concretamente ás galegas", é o obxectivo do primeiro Serán das Letras que o Concello de Mondariz organiza da man de creadoras e creadores locais. O vindeiro sábado 18 de maio o municipio do Condado propón vivir un encontro sensorial no que as letras, a música e a natureza se fusionarán nun roteiro literario.
O Serán das Letras é un evento literario que nace para destacar a presenza da poesía na cotiandade de Mondariz. “Os versos habítannos e así o queremos amosar. Neste 2024, en homenaxe a autora Luísa Villalta, queremos convidar a explorar a nosa vila de forma diferente dende a esencia literaria crear e compartir experiencias”, explican as e os creadores que están detrás desta proposta: Ana Fernández Melón, Fernando Juan Morado (Cone), Lorenzo Montes Bugarín, Sara Cruces López e Sonia Melón Parente.
O Serán das Letras propón dúas actividades gratuítas nas que poder participar. O roteiro literario Versando Pontes que comezará ás 11:00 horas no parque do Viveiro para seguir ata a ponte das Amolares, a ponte da Poeira, polo camiño de Merouces ata chegar á ponte de Cernadela.
Ás 20:00 horas na praza de Mondariz celebrarase o recital poético e sesión de micro aberto na que poderán participar todas as persoas que así o desexen. As e os poetas que participarán serán, as de Versos de Area e Chambo Libris Pilar Alonso Suárez e Hortensia Bautista; de Poesía Nova, Mar Míguez, Eve e Dani Costa e dos Nabos de Gracián, Sonia Melón, Eduardo Carreira, Xesús Bermúdez, Cone Juan Morado; tamén recitarán Samuel Merino, Antom Laia, Teresa Ramiro, Masha Álvarez, Fátima Domínguez, Fran Castro, Ana Fernández e Xandra Táboas.
Esta iniciativa acadou o apoio de Política Lingüística da Xunta de Galicia logo de que o alcalde, Calis Montes, e a concelleira de Cultura, Elena Naveira, lla presentaran nun encontro de traballo mantido en Santiago de Compostela.
A concelleira de Cultura convida "a toda a cidadanía a gozar desta xornada de lecer na que achegarse ao mundo das letras, descubrir novos talentos locais e creadoras/es de toda a área metropolitana e percorrer espazos naturais con encanto".