Roteiros guiados, moita música e festas tradicionais para desfrutar do verán de Moaña

Publicidad

Prohibido aburrirse en Moaña. O concello do Morrazo vén de presentar a súa programación de verán -e que xa arrancou oficialmente coas Festas do Carme e o Morrasound o 12 de xullo- con máis dun centenar de actividades baixo o lema “Moaña, o teu mellor verán”. As citas, que se prolongarán case que até finais de setembro, contan con parada obrigatorias e históricas como o Intercéltico do Morrazo ou a XXV Festa do Mexilón, pero tamén con novidades como a Feira do Mel ou a recuperación do Festival de Rap. A programación divídise entre xullo e setembro, con especial atención ao programa “Días de Mar” que cubrirá boa parte do mes de agosto.

No campo das festas tradicionais, a do Carme vive esta mesma semana o seu día grande. O Martes, 16 terá lugar a procesión marítima (17h). As Festas de San Loureno e Santa Bárbara, en Domaio, chegarán entre o venres 9 e o 10 de agosto, namentres que Meira vivirá as da Peregrina entre o 9 e o 11 de agosto. O día 15, pola súa parte, será a quenda da Festa Popular de Bronlle. Xa en setembro, a Festa dos Milagres de Berducedo-Piñeiro terá lugar entre o 7 e o 8 de setembro.

No apartado musical, ademais do multitudinario Festival Intercéltico, que vive a súa edición máis feminina (25 a 27 de xullo), destaca a actuación de “De Vacas” o sábado 10 de agosto no Palco da Música. Uns días antes, o sábado 3 de agosto, estréase a primeira edición do festival “do sol e a lúa” no Monte do Con, que contará coa música de Ana Blanco & Paulino, María Faltri & Banda e Balea’s.

Tamén unha novidade será o concertó de “O Comboio Novo” no Eirado do Ferreiro, na Seara, o vernes 9 de agosto. Aínda no eido musical, este ano o Festival de Jazz de Moaña celebra a súa terceira edición no Parque da Xunqueira (13 a 14 de agosto) e o Concello recupera o Rap’n Moaña o 17 de agosto. Por último, no apartado máis tradicional repite o Festival Folclórico Virxe dos Milagres -que vai x apola vixésimo quinta edición- ou o Folclórico de Domaio.

Tamén continuará durante o verán o programa de visitas guiadas gratuítas impulsado pola concellería de Turismo. O sábado 20 de xullo terá lugar o roteiro “Mulleres da Historia de Moaña”, o 28 de xullo e o 18 de agosto “O Sendeiro da Fraga”, e o 3 e 31 de agosto será a quenda do roteiro “A intermareal de Tirán”.

Volverá un ano máis tamén o cinema ao aire libre dentro do programa “Moaña Son de Cine”, a Travesía a Nado do Fisgón, a XXXVII Bandeira Concello de Moaña ou o XVII Campionato de pesca recreativa.

No campo gastronómico, unha cita histórica e outra novidade. A histórica será a Festa do Mexilón que celebra vintecinco anos o domingo, 4 de agosto, no Patio do Colexio de Reibón. A novidade será a I Feira do Mel de Moaña, que se celebrará o domingo, 18 de agosto, nos Xardíns do Concello.

Salir de la versión móvil