Cine e gastronomía volven a ser un só ente en Bueu. A vila morracense acolle dende este venres 6 de setembro unha nova edición da Ruta das Tapas 5 Estrelas, un percorrido que o Concello organiza en colaboración co FICBueu na que participan un total de dez establecementos que ofrecerán as súas propostas ata o vindeiro 15 de setembro.
A terceira entrega da “Ruta das Tapas Cinco Estrelas” manterá a filosofías dos dous anos anteriores. Todos os pratos levarán o nome dunha película, tal e como salientou Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo durante a presentación deste proxecto, na que estivo acompañada de Manuel Pena, director do FICBueu, e dunha representante de Casa Quintela, un dos locais participantes. Carballo apuntou que “estamos de realizar esta sinerxia co festival para que se dea a coñecer a nosa gastronomía a nivel internacional”.
En concreto, A Cepa anímase con “Sonrisas de una noche de verano”, Aturuxo BOK, con “La costilla de Adán”, Cafetería do Centro Social do Mar, con “20.000 leguas de viaje submarino”, Noite Tapas con “Orixe”, O Pazo con “Men in Black”, Casa Quintela, con “Snatch, Cerdos y Diamantes”, A Esmorga, con “Chicken Run”, Volver con “Volver”, O Farol con “Las uvas de la ira” e a Tapería Sabor de Ons con “En el corazón del mar”. Os petiscos teñen un prezo de 2 euros e o horario para degustalos será de 12:00 a 14:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas.
Esta ruta de tapas gastronómico constará de dous premios para os locais participantes: o Premio do Xurado Internacional, composto por cineastas convidados ao FICBueu 2019 e o Premio do Público, que será outorgado a partir das valoracións que as e os comensais reflictan no folleto da Ruta das Tapas 5 Estrelas. A clientela terá ademais a posibilidade de gañar unha cea para dúas persoas. Para entrar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no Despacho de Billetes do FICBueu.