Sábado de curtas pola igualdade en Bueu

Publicidad

Dentro da programación polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro, o Centro de Información ás Mulleres de Bueu preparou para este sábado, 18 de novembro, a proxección das curtametraxes de “Expresarte!”.

Este ciclo enmárcase no proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra no que un cento de alumnos e alumnas dos centros educativos do municipio elaboraron unha serie de produtos audiovisuais nos que reflexionaron sobre a igualdade de oportunidades, a violencia sobre a muller, e como é preciso o cambio dende a educación. O resultado son once curtas que se proxectarán ás 18.30 h no Centro Social do Mar. Os traballos que se poderán ver son os seguintes:

- “Abre os ollos á igualdade”, elaborada polo alumnado de 6º do CEIP A Pedra
- “Patinando en igualdade”, elaborada por alumnado de 5º B do CEIP A Pedra
- “O valor dunha boneca”, de 5º B do CEIP A Pedra
- “Que xoguete prefiren?”, de 2º da ESO do CPR Virxe Milagrosa
- “Somos noivos!”, de 2º da ESO do CPR Virxe Milagrosa
- “Sara e Bruno”, de 5º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso
- “Igualdade sen fin, igualdade interminable”, de 6º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso
- “Seguimos nas mesmas”, 2º da ESO do CPR Virxe Milagrosa
- “Por que?”, do IES Illa de Ons
- “Ser ou non ser”, do IES Illa de Ons
- “Hai solución”, videoclip do IES Illa de Ons

Últimos días para o VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

Así mesmo, dende o Concello de Bueu lembran que as persoas que desexen participar no VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, teñen de prazo de presentación de traballos ata o 25 de novembro, mediante dúas formas: ou ben por correo electrónico ou en papel. Así se especifica nas bases deste concurso, iniciado no 2005 a modo de homenaxe á mestra Matilde Bares e como unha fórmula para incrementar a reflexión arredor da igualdade entre homes e mulleres. O gañador ou gañadora anunciarase en febreiro do 2018 e o premio consistirá en 1500 €. As bases poden descargarse na páxina web municipal.

Salir de la versión móvil