Salceda celebra dez anos da Agrupación Gaiteira no seu Estourazo

Publicidad

O vindeiro sábado 17 de xullo, Salceda celebrará o tradicional Estourazo co que se dá o pistoletazo de saída ás Festas do Cristo coa Agrupación Gaiteira de Salceda como colectivo homenaxeado, sendo as persoas integrantes as encargadas de disparar o foguete.

A Agrupación Gaiteira de Salceda foi elixida polo Equipo de Goberno xa que leva dez anos poñendo a nota musical nesta particular tradición que anuncia as Festas do Cristo. A Agrupación, creada especificamente para este acto, reúnese unha vez cada ano, xuntando gaiteiros e gaiteiras e percusionistas de Salceda de Caselas e doutros Concellos: Porriño, Salvaterra de Miño, Tui, Ponteareas, Vigo, etc., e unindo deste xeito a compoñentes de numerosos grupos tradicionais de Salceda e da contorna.

O colectivo foi creado hai 10 anos por Tere Pérez, sendo Concelleira de Cultura, nun grande esforzo por unir aos grupos de música tradicional e conseguir crear unha gran Agrupación Gaiteira. Se algo caracteriza a esta agrupación é o xeito de unir a xente de moi diferentes niveis musicais, co único obxectivo de gozar da música tradicional, e onde ano tras ano as persoas máis experimentadas axudan ás máis novas, sempre nun ambiente cordial e de compañeirismo, e chegando a reunir ata 70 persoas nas edicións máis numerosas.

Nin sequera a COVID19 detivo á agrupación, realizando unha presentación reducida a unas 30 persoas no pasado ano, e que nesta edición ha volver a superar xa o medio centenar de compoñentes. Para iso, son varias as semanas que levan ensaiando, sempre ao aire libre e mantendo a distancia interpersoal en distintos puntos da vila para prepararse para a gran cita anual.

O Estourazo, que este ano celebra a súa décimo segunda edición, serve cada ano para marcar o inicio das Festas do Cristo. A cita serve para recoñecer a traxectoria de asociacións e colectivos de Salceda que teñan destacado no ano en curso, e por ela xa levan pasado asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais, sanitarios, etc., e este ano tamén contará co desfile previo polas rúas da vila do colectivo homenaxeado.

Aínda que este será o segundo ano sen verbenas na Praza do Concello, dende a Concellería de Cultura explican que traballaron "para intentar manter vivo o espírito das festas". Deste xeito, durante toda a semana celébranse actividades culturais, e tamén se mantén o acto de inicio co Estourazo.

Salir de la versión móvil