Salceda celebra o Día de Galicia cun concerto especial con versos de Rosalía e Lorca

O Concello de Salceda de Caselas únese este sábado 25 de xullo á celebración do día de Galicia. Unha cita na que non faltará a música, da man da proposta de Uxía e Javier Ruibal en torno aos versos de Rosalía e Lorca. O concerto terá lugar o propio sábado ás 21.30 horas na Praza do Concello.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo destacar que "o 25 de xullo é un día grande para Galicia, e en Salceda tamén queremos ser partícipes desa celebración. É un privilexio contar con Uxía e Ruibal na nosa praza, e agardamos que a veciñanza goce dese concerto tanto como o imos a facer nós”.

“De tu casa a la mía” é unha confluencia da cultura e as emocións a través dos versos de Rosalía e Lorca, acompañados da música de Uxía e Ruibal, voces de longa traxectoria enraizadas en Galicia e Andalucía, que neste caso se entrelazan coa colaboración de Marcos Teira á guitarra. Uxía e Ruibal, son grandes amantes da lingua e defensores da identidade cultural, o cal se reflexa nesta interesante proposta.

O Concello de Salceda dá así por rematadas as festas do Cristo, que a fin de semana pasada celebraron os seus días centrais, e traballa xa no seu evento gastronómico por excelencia, a festa dos Callos, que terá lugar o próximo mes de setembro.

Salir de la versión móvil