O auditorio municipal de Salceda de Caselas acolle os días 24 e 25 de marzo as X Xornadas da Camelia. Este décimo aniversario conta cun reclamo especial xa que a mostra foi recoñecida como evento conmemorativo dentro do 150 aniversario das relacións diplomáticas entre España e Xapón.
Logo de decatarse da celebración deste aniversario, o concello púxose en contacto coa embaixada nipona en España e propuxo as xornadas como evento oficial por tratarse dun acto de exaltación dunha flor orixinaria do lonxano oriente. A “agradable sorpresa”, tal e como a calificou o alcalde Marcos Besada, chegou cando a embaixada aceptou a proposta e enviou un certificado oficial acreditando as X Xornadas da Camelia como evento conmemorativo deste aniversario.
Esta cita tan especial, que contará con case 70 expositores de Galicia e Portugal en máis de 140 metros cadrados, inaugurarase o sábado 24 de marzo ás 16:30 horas e contará coa actuación do gaiteiro Xulio Lorenzo. Enmarcado dentro das actividades, o domingo 25 ás 11:00 celebrarase unha Feira de Artesanía e Agrosostible na praza do Concello. Ademais, ás 17:00 horas, haberá unha actuación das Mamiñas no auditorio municipal. Esta última actividade ten como obxectivo levar a camelia ao público infantil, “xa que son o futuro do concello”, segundo asegurou Loli Castiñeira, a concelleira de Turismo. A representación teatral tentará “transmitirlles a importancia da camelia en Salceda”.
Na presentación, tamén estiveron presentes Antonio Rivero, presidente da Asociación de Xubilados de Salceda e principal promotor desta iniciativa; e Sandra Sousa, representante da Asociación de Mulleres Rurais de Salceda. A concelleira quixo destacar a achega destas dúas asociacións que, de xeito voluntario, adican “moito traballo e moitas horas” para que este evento saia adiante, por iso “sen eles non sería posible levalas a cabo”.
Por último, o alcalde de Salceda quixo aproveitar a ocasión para “convidar a todos os amantes da camelia a encontrar neste evento unha escusa para coñecer o concello”.