Salceda homenaxea o seu "baby boom" no Estourazo das Festas do Cristo

Publicidad

O vindeiro sábado 14 de xullo Salceda dá o pistoletazo de saída das Festas do Cristo e faino ás 22:00 horas dende o balcón da Casa da Cultura Castelao, co xa tradicional “estourazo”. Este ano a encargada de disparar o estourazo será Inés Curro, matroa de Salceda, e máxima representante do que se ven chamando a “Salceda do baby boom”, pois polas súas mans pasan a práctica totalidade das mulleres que cada ano dan a luz en Salceda. Así, este ano a Corporación local decidiu renderlle unha máis que merecida homenaxe a todas esas mulleres e ós centos de cativos e cativas que enchen de alegría a vila cada día.

A elección de Inés Curro como representante serve tamén como agradecemento á enorme laboura que está a levar a cabo en Salceda, coa creación de proxectos como “O Coliño Bailongo”, que se ten convertido xa en referencia en Galicia e España como método para favorecer un bo embarazo e un parto máis fácil, así como para acrecentar máis aínda se cabe os vínculos entre nais e fillos e filo as unha vez que estes ou estas deixan o ventre materno.

Salceda leva estado á cabeza tanto no que se refire á maior taxa de natalidade como á menor idade media dos municipios de Galicia, polo que este feito ben merecía ser homenaxeado nunha festa como a do Estourazo.

O Estourazo estará precedido do desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda, que reúne cada ano a ducias de gaiteiros e gaiteiras e percusionistas de Salceda e arredores que se xuntan anualmente para a ocasión. Salceda dá así comezo ás súas festas máis tradicionais, que culminarán o vindeiro luns 16 de xullo, festividade local en Salceda.

A concelleira de Cultura, Teresa Pérez, sinalou que “Inés Curro desenvolve un enorme traballo na nosa vila e queremos aproveitar as nosas festas para agradecerllo. Así mesmo, queremos homenaxear a tódalas nais de Salceda, indispensables para seguir a crear unha vila tan chea de vida”. Pola súa banda, Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguiremos a traballar pola Salceda do 'baby boom' e todo o que leva parello. Os nosos nenos e as nosas nenas seguirán a ser o motor do noso traballo, e para todos eles vai esta pequena homenaxe”.

Salir de la versión móvil