Salceda inicia a conta atrás do Entroido co concurso de Carrozas e Comparsas

Publicidad

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellería e Festas que dirixe Teresa Pérez, vén de abrir o prazo de inscrición para a participación no XXI Desfile de Carrozas e Comparsas que se celebrará no municipio o domingo 3 de marzo de 2019.

Durante esta semana serán as agrupacións pertencentes a Salceda as que poidan formalizar a súa solicitude de participación no desfile, e na semana do 18 ao 24 será a quenda para as agrupacións de outros municipios, que poderán ocupar as prazas restantes por orde de solicitude.

As agrupacións deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes e poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos.

Ademais, o desfile completarase co concurso de coplas no que participan tódalas agrupacións. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 100 e os 700 € en función do número de compoñentes.

Xunto a dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías: a mellor música en directo, a mellor coreografía, a comparsa máis festeira, a comparsa con maior número de compoñentes, o tema máis orixinal, o mellor vestiario, o mellor maquillaxe, a carroza máis traballada, a carroza máis orixinal, o mellor traballo en conxunto, as coplas máis divertida, as coplas mellor recitadas e o participante de maior idade.

Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web municipal, así como nas redes sociais do Concello de Salceda. En Salceda o Entroido é unha das súas festas máis grandes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo dentro duns días.

A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que hai xa máis de 125 anos se ven celebrando, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estrito segredo. Unha tradición que, nas verbas da concelleira de Cultura, Teresa Pérez, é xa “referencia na festa do Entroido para a que agardamos a visita de milleiros de persoas”.

Salir de la versión móvil