Sarabela Teatro presenta "O rei morre" en Tui

Publicidad

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 9 de marzo, ás 21.30h a representación de "O Rei Morre" da man de Sarabela Teatro. Nesta montaxe Sarabela Teatro volve apostar por unha obra de Eugene Ionesco coma ten feito noutras ocasións ao longo da súa dilatada traxectoria que comezou en 1980.

Baixo a dirección de Ana Vallés, unha das directoras máis emblemáticas do teatro galego, asumen un novo debate sobre a vida e a morte, nunha obra que dende a súa publicación en 1962 teñen abordado distintas xeracións. Esta proposta do teatro do absurdo desdebuxa a liña entre o actor e o personaxe, entre a realidade e a representación nunha sátira política na que o rei se aferra á vida, ao tempo que se aferra ao poder.

A obra ofrece tamén unha ollada sobre o xénero na nosa sociedade nunha posta en escena na que Fernando Dacosta interpreta ao rei Berenguer I, Fina Calleja a Margarida, primeira muller do rei; Sabela Gago ao médico real; Nate Borrajo a María, segunda muller do rei; e Alfonso Míguez a Alfonso, súbdito.

Así ao longo de 70 minutos, e en ton de comedia, a obra achéganos á figura do rei Berenguer I que construíu un mundo a súa medida. Crese atemporal e non é quen de aceptar a verdade de que o final da súa vida está preto. Pensa que se trata dun pesadelo e non deixa de dar ordes coma quen o pode controlar todo. A súa muller e o seu médico tentan convencelo de que acepte a crúa verdade.

As entradas están á venda até o venres ás 12:00 horas en la web de "Cultura Tui" ou o venres dende ás 20:00 horas no despacho de billetes ao prezo de 6 euros e 4,5 euros.

Salir de la versión móvil