O concerto de Sés previsto para este sábado 10 de outubro no Rosal debe ser aprazado após coñecer o positivo da artista en COVID19. A cantante atópase en bo estado e confinada no seu domicilio, e quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao público, ao que agradece a confianza no seu traballo.
Sés lamenta non poder celebrar o espectáculo previsto para a Praza do Calvario, pero comprométese a atopar o antes posible unha data para poder levar adiante o concerto.
As entradas reservadas para este concerto terán validez para a nova data. En caso de non poder acudir deberán poñerse en contacto co Concello para darse de baixa e volver a poñer as entradas a disposición do público.
Cambio de emprazamento
Pola súa banda, por motivos técnicos a obra de teatro ‘Running polo camiño’ prevista para este domingo 11 ás 18:00 horas cambia de ubicación. O espectáculo trasládase ao auditorio municipal. Poderá accederse ao recinto a partir das 17:00 horas. A entrada será de balde ata completar aforo.