O Concello de Tomiño vén de presentar a súa axenda de verán con medio centenar de accións a celebrar entre os meses de xuño e setembro, e entre os que sobresae o concerto de SES. Así, os concertos, as xeiras polo patrimonio histórico-artístico, natural e etnográfico, o teatro de rúa, o cine ao aire libre, e os cursos e campamentos de verán, enchen de contido da programación.
O punto de partida da nova publicación, editada polos departamentos de Cultura, Mocidade, Patrimonio, Deporte e Voluntariado, é o III Simposio de Escultura, organizado con Vila Nova de Cerveira, entre os días 11 e o 30 de xuño.
A segunda cita será “Non hai ladrón que por ben non veña”; unha obra da Escola Municipal de Teatro, o domingo 17 de xuño, ás 20.30h no Auditorio de Goián. Entrada libre.
O día de San Xoan, 24 de xuño, actuará en concerto a Agrupación Musical de Goián, celebrando o seu XX aniversario. Será tamén no auditorio, a partir das 19.30 horas.
No mes de xullo, chega de novo á Praza do Seixo, o ciclo “O Son da Praza”, con concertos e festivais musicais, coma o Barrantes Folk (sábado 14, 22.30h) ou o XXV Encontro dos Pobos (sábado 21. 22.30h). Contra o final de mes, será o Encontro de Bandas de Música de Goián, o que se instale no Espazo Fortaleza de Goián (venres 27, 22.30h), e o sábado 28, chegará o momento máis estelar, co concerto “Readmirando a condición” da cantora coruñesa SES (Praza do Seixo. 22.30h). Todos estes espectáculos, para todo público, serán de balde.
En agosto, segue a música con “O Son da Praza” e o Galicat Jazz Quartet (domingo 5. 22.30h) e Sonus de Gaia (sábado 11, 22.30h). O venres 24 de agosto volve a banda de Goián con Ei cantar coa Agrupación Musical de Goián (Praza do Seixo, 22.30h), e rematan o ciclo o Quinteto Rubato e Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia (sábado 25, Praza do Seixo, 22.30h), e A banda da loba, cinco mulleres que dan voz a un repertorio musicalizado de poetas célebres (venres 31, Praza do Seixo, 22.30h).
Paralelamente, en xullo e agosto, realizaranse tamén actividades relacionadas ca Aula- Museo Antonio Fernández (exposicións, rutas, certame de pintura ao aire libre, etc.) e co Tomiño Único (visitas guiadas para descubrir o rico patrimonio da zona, por exemplo, o Monte Tetón, as fortalezas, ou o Camiño de Santiago).
Asemade terán lugar diferentes campamentos e cursos, coa participación do Grupo de Voluntariado Local. E haberá unha serie de actividades especialmente pensadas para os máis pequenos (Érase unha vez a arte, saída fotográfica, cine ao aire libre, etc.) e diversos campus e cursos deportivos, que serán o complemento ideal para a programación cultural. Neste eido destacan os campus de atletismo, rugby e balonmán, que se celebran por 1ª vez.
En setembro destacan os actos relacionados cos festexos patronais do Alivio, e en outubro e novembro, cursos, obradoiros e xornadas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou o carácter amplo e inclusivo da axenda de verán, deseñada pensando en ofrecer actividades para todos os públicos, idades e intereses, de xeito que tomiñeses e tomiñesas teñan alternativas de ocio de calidade e, na súa maioría, de balde, durante a época estival. Asemade, búscase axudar dende o Concello a conciliar a vida laboral e familiar dos pais e nais que traballan fora da casa.