Sés regresa ao Rosal cun concerto que se poderá seguir dende calquera parte do mundo

Publicidad

O Concello do Rosal vén de “reinventar” e adaptar á nova realidade o concerto que a artista Sés dará este venres 13 de novembro no Auditorio Municipal, que fora adiado despois de que a artista dera positivo por coronavirus. A cita, que se comezará ás 20:00 horas para un aforo moi reducido poderase seguir a través de internet gratuitamente.

“Nestes intres o que máis nos preocupa é a saúde de todos e todas, por iso seguimos apostando pola cultura, pero por unha cultura segura que nos permita seguir desfrutando pero minimizando calquera risco de contaxio. É momento de ser responsables en todos os eidos”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nun momento no que as autoridades sanitarias manteñen restricións de acceso en moitos municipios e no que se están aplicando diferentes limitacións para minimizar o risco de contaxio, o Concello do Rosal limitará o aforo do concerto a un máximo de 50 persoas empadroadas no Rosal, medida coa que se pretende evitar a mobilidade xeográfica de todo público asistente.

O Concello sortea os boletos entre todas as persoas empadroadas no municipio que tiñan reservada a súa entrada para o concerto que se ía celebrar o pasado mes de outubro e que tivera que adiarse por motivos de saúde da cantareira. Porén, os que non poidan asistir poderán desfrutar da música da artista galega por internet a través das redes sociais do Concello e da canle de Youtube da artista.

Salir de la versión móvil