O Sinsal deixou, de novo, dous momentos memorables. Un foi o verán en San Simón e o outro, fai só uns días, no Museo do Mar e nos estaleiros de Freire e Cardama. A marca volve a Vigo coa tradicional cita do Sinsal Outono, un evento no que o público poderá gozar da música de Kolars, Will Samson e María del Mar Blanco Moreno.
A finalidade do Sinsal Outono 16 (bendita adolescencia desta cita musical consolidade en Vigo) é promover a música en directo nangúns espazos singulares da cidade en colaboración co Concello. O evento incluirá catro actividades: dúas sesións na cámara semianecoica da Escola da Enxeñaría de Telecomunicacións, un concerto na biblioteca da EMAO e un no Museo Marco.
O mércores 24 de outubro a profesora e concertista María del Mar Blanco Moreno entra na cámara semianecoica de Telecomunicacións en dúas sesións, 15:30 e 16:30. En colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo, será unha experiencia única, escoitar a esta intérprete que, tanto no piano como no clave, como solista ou formando parte de grupos de cámara, é unha virtuosa que tamén destaca no ámbito da música contemporánea. A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que requeriu a actuación en directo.
Nacida en Madrid en 1981, María del Mar Blanco Moreno é na actualidade profesora de clave no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Para poder participar como público, hai que inscribirse en info@sinsalaudio.org co asunto: SESIÓN MARÍA DEL MAR BLANCO MORENO. O concerto é de balde, pero con capacidade é moi limitada.
Nas sesións anecoicas, no mesmo horario e co mesmo procedemento de inscrición pero o día 14 de novembro, tamén participa o británico Will Samsom que camiña entre a electrónica, experimental e o acústico, facendo uso tamén de vellas gravadoras e dispostivos analóxicos. Cun avó nacido en Bengala Occidental (India) e unha unha avoa natural da Patagonia arxentina, era inevitable que Will Samson desenvolvera un incontrolable desexo de viaxar. Nacido en 1988, pasou os primeiros anos da súa vida na costa oeste australiana, para regresar á súa Inglaterra natal aos 10 anos, e embarcarse aos 19 nunha viaxe de catro meses por distintas partes de Asia e a cordilleira do Himalaya. Tras o seu paso pola cámara semianecoica, o xoves 15 de novembro dará un concerto na marabillosa biblioteca da EMAO, con aforo reducido, ás 20:15 cunha entrada de 5 euros.
Kolars fai parada en Vigo
Os estadounidenses Kolars darán a súa primeira xira española o próximo mes de novembro, con concerto o sábado 10 no Museo Marco de Vigo ás 20:30. Un tour cun directo ben fogoso, que pasará por seis cidades, entre elas a urbe galega o vindeiro 10 de novembro.
Kolars é un dúo de Los Ángeles formado polo matrimonio que compoñen Rob Kolar (voz e guitarra eléctrica) e Lauren Brown (batería). A comparación, o recordo e a vibración a The White Stripes pode que estea entre o primeiro que se vén á cabeza ao escoitalos, aínda que, se ben o son parido por esta parella vai por esa senda, tamén poden ser relacionados con The Black Keys do principio, pero nun ton máis despreocupado. Algunhas das etiquetas que lles puxeron: desert disco, glam-a-bill, rockabilly-dance, dancebilly, space blues. Antes de Kolars, Rob e Lauren formaron a banda de glam-folk He´s My Brother, She´s My Sister. O prezo das entradas para o concerto do Museo Marco é de 8 euros.
As entradas están á venda na plataforma de Ataquilla e nos puntos físicos de Versus Librería, Honky Tonk Discos e Elepé Discos.