Sondeseu esgota en horas as entradas para o seu concerto en Vigo

Publicidad

Éxito absoluto. Sondeseu logrou encher as 1.421 prazas do Auditorio Mar de Vigo en horas. O concerto que a formación ofrecerá o sábado, 2 de febreiro, colgou xa o cartel de “completo”. As entradas, que eran de balde e se repartían mediante invitación, voaron esta mañá horas despois de que se comezaran a repartir na lonxa do Concello.

O obxectivo do recital é encher o espazo cultural de Beiramar coa música das Cíes. “Temos moita ilusión porque estamos empeñados en que Cíes sexa Patrimonio da Humanidade, afirmaban dende Sondeseu na rolda de presentación do evento.

A agrupación de folk viguesa presentará neste concerto especial do sábado 2 de febreiro o espectáculo Arraianos, un show que conforma unha explosión de forza e enerxía interpretativa sustentada na contundencia do son propio do conxunto que incorpora a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk ibérica do momento. Xunto con Vanesa Muelas, Xuacu Amieva e Luis Peixoto, os mestres de Sondeseu, Begoña Riobó, Javier Feijoo Xisco, Anxo Pintos, Xosé Liz, Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní, Arraianos representa sen dúbida o espectáculo con maior entidade artística da actualidade, brillante na súa execución e liña argumental, cheo de cór e excelencia musical.

O espectáculo de Sondeseu ilustra nun poderosísimo espazo sonoro as influenzas que de xeito recíproco alimentan a expresión da música popular nos imaxinarios límites xeográficos da cultura galega que desaparecen por arte da maxia e da música fundíndose nun discurso novo, rebosante de alegría e bo facer e acadando cotas instrumentísticas dificilmente atopables nun único recital. Os mellores ritmos e melodías populares de rexións como Castela e León, Asturias e Portugal emerxen coa linguaxe orquestal de Sondeseu e convertense nunha auténtica festa da cultura da Península que traspasa os límites e impón unha nova xeografía sonora onde nada é o que parece, unha xeografía sonora que pon banda sonora ao paraíso das Illas Cíes.

Salir de la versión móvil