Sondeseu estrea a tempada de concertos na Praza do Seixo de Tomiño

Publicidad

A orquestra de música folk contemporánea Sondeseu abrirá en concerto a axenda de verán do Concello de Tomiño. O sábado 29 de xuño, a formación actuará na Praza do Seixo a partir das 22:30 horas cun repertorio con temas procedenes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes.

A nova axenda de verán do Concello reúne máis de 60 propostas culturais e deportivas organizadas desde diferentes áreas, que da como resultado un programa de actividades transversal e integrador, no que teñen cabida todas as citas relacionadas coa cultura, o deporte, a mocidade, o voluntariado ou o patrimonio.

A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre, actividades que forman parte da recén editada axenda en papel, a mesma que recolle máis de 60 espectáculos ou outros eventos que se levarán a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2019.

A programación arranca o sábado 29 de xuño coa actuación de Sondeseu dentro do ciclo Musigal, seguida da exposición Ruta Artes e Oficios, que chega outro verán da man dos artistas tomiñeses. A partir do día 1 de xullo, levaranse a cabo varios percorridos por lugares relacionados con oficios e artes como Pazo Valdomiño, Adegas do Vimbio, Viveiros Nilo, taller de bombos de Félix Oliveira; estudos de Magín Picallo (escultura) e Pilar Alonso (pintura).

No mes de xullo haberá tamén un curso de inglés para persoas viaxeiras; abrirase o punto de información no Espazo Fortaleza, con actividades de carácter cultural e de promoción turística; e a Aula Museo Antonio Fernández, con exposicións, obradoiros e cursos. Tamén as xeiras polo patrimonio cultural, etnográfico e paisaxístico, voltarán celebrarse. A primeira será o día 4, xoves, "As pegadas na paisaxe: mámoas, ouro, toponimia e garranos", guiada por Xosé Lios Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos.

Por outra banda, os ciclo de música "O Son da Praza" e "Cine na rúa", ambos os dous no Seixo, traerán espectáculo e colorido á Praza do Seixo, situada no centro da vila, ao longo de todo o verán, con concertos de música caboverdiana, gaitas, música de banda, baile tradicional galega, cine familiar e infantil e unha longa etcétera. A programación completa pode consultarse a través da web do Concello de Tomiño (premer aquí).

Salir de la versión móvil