Un meridiano invisible tece un fío sonoro que a través das músicas de raíz, une xeograficamente a Galicia, Portugal e Canarias. Así nace "Entreterras", o novo proxecto de SonDeSeu, no que a Orquestra Folk de Galicia se acompañará de artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso compartirán escenario co medio cento de intérpretes de SonDeSeu nesta nova proposta musical, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e que o público poderá descubrir tanto o 24 de maio no Teatro García Barbón de Vigo coma o 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón. As entradas para gozar das melodías e ritmos destas Entreterras en Vigo están á venda en Ataquilla a prezos que oscilan entre os 12 e os 15 euros máis gastos de xestión.
O espectáculo, que dá continuidade a "Arraianos" (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”.
Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.
Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, "Entreterras" percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.
A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu naceu hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos.
CONCERTO 'ENTRETERRAS'
- 24 de maio | 21:00 horas
Teatro García Barbón de Vigo
> Entradas en Ataquilla