SonRías crea eventos gastromusicais en espazos singulares de Bueu con Rayden, Arco e Mounqup

Publicidad

Este xoves, 30 de xullo, dará comezo en Bueu o MicroSonRías, unha proposta de pequeno formato coa que a organización do Festival SonRías Baixas -que celebraría esta fin de semana a súa 18ª edición- quere compartir con parte do seu público o seu amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila. "A cultura é segura, a nosa proposta é segura e isto é o máis importante para nós", recordaba Jordi Lauren, codirector do festival, na presentación do evento.

O MicroSonRías redefine este ano o concepto de Destino SonRías, conxugando unha programación musical de calidade cunha coidada proposta de ocio activo, gastronómico e natural, profundamente integrada no territorio. Así, os artistas do evento -Rayden, Arco e Mounqup- visitarán algúns dos espazos máis singulares da comarca, onde ofrecerán pequenas actuacións e probarán algunhas xoias da gastronomía das Rías Baixas.

Esta proposta "micro" iníciase este mesmo xoves, 30 de xullo, ás 18:00 horas no pavillón municipal de Bueu cun grupo de 20 persoas que percorrerán a Ruta dos Muíños do Río Bispo e gozarán cun microconcerto de Mounqup, onde esta música francesa afincada no rural ourensán ofrecerá arroupada pola natureza un petisco da súa proposta musical, na que usa tanto o galego como o inglés e o francés para navegar polo jazz, o soul e o r&b subida á nave da electrónica, nunha especie de psicose auditiva repleta de loops e sintetizadores que, en combinación cunha voz única e persoal, converten os seus directos nunha experiencia hipnotizante. Ao rematar o microconcerto, a expedición dirixirase ao obrador da Panadería Amador onde aprenderán todos os segredos do pan de Galicia.

O venres 31 de xullo, pola mañá, un selecto grupo de 20 persoas visitará Ons co artista urbano do momento, Rayden, e achegaranse ao Polbo das Rías e ao mexillón de Galicia. O rapeiro ofrecerá o seu concerto "desenchufado pero amplificado" o sábado 1 de agosto pola noite no recinto da Estacada.

Rayden é o nome de batalla dun rapeiro devido artista urbano multidisciplinar que destaca pola súa habilidade para fusionar xéneros musicais, pola súa orixinalidade, e, sobre todo, pola combinación de inxenio, tenrura e verbo afiado que caracterizan as súas letras.

Pola súa parte, o rock de acento flamenco do carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, estará no Recinto da Estacada de Bueu o venres pola noite. Chegará cun novo traballo -o terceiro do seu proxecto persoal- debaixo do brazo. En total, 800 persoas poderán asistir ao concerto de Arco no Recito da Estacada poderán gozar dun dos momentos máis especiais do MicroSonRías, cando Rayden suba ao escenario para interpretar xuntos un tema.

Arco xa conquistou ao público de Bueu, en 2017, coa súa característica voz rota e coa instrumentación clásica de banda de rock, marca da casa, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Volve agora, despois de madurar a súa proposta persoal sobre os escenarios de medio mundo, para emocionar ao público do Multiusos da Estacada con esa particular mestura, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados.

O sábado 1 de agosto tamén haberá dobre programa. Pola mañá, un pequeno grupo de 20 persoas visitará a Igrexa románica de Santa María de Cela, onde gozarán cunha degustación e masterclass de viño Tinta Femia e coa música de Arco dende o miradoiro. Pola noite, o xa mencionado concerto de Rayden pechará o “micro festival”.

Entradas e invitacións

As entradas para os acústicos de Arco e Rayden están á venda na web sonriasbaixas.info, por 10€ a entrada para un día e 15€ o abono para os dous (o día do evento custarán 15€). Os convites para os micro concertos serán gratuítos e poderán reservarse, tamén na web do festival, mañá martes ás 12:00 horas.

O evento conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra e de Agadic, Fest Galicia, e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia. Na presentación do MicroSonRías, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou o papel de Bueu como "referencia para a provincia", pola súa aposta pola cultura como ferramenta de transformación e recoñeceu a "valentía" da organización do SonRías Baixas e a súa capacidade para reinventarse nunha situación tan complicada.

Pola súa parte, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou o impacto cultural, económico, turístico e de desenvolvemento social dos festivais. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, destacou o potencial dos microconcertos que terán lugar nas tres parroquias do Concello e que se difundirán a través das redes sociais para facerlle chegar ao mundo os atractivos turísticos, culturais e etnográficos de Bueu.

Salir de la versión móvil