Susana Seivane e os seus "Concertos do desconfinamento" chegan ao Culturgal

Publicidad

Susana Seivane será un dos grandes atractivos da nova edición do Culturgal. A galega marcou para moita xente o periodo do confinamento ao comezar a tocar a gaita no balcón da súa casa durante o confinamento para animar aos seus veciños de Pravio (Cambre). Gravábao cada día para retransmitilo posteriormente polas súas redes sociais.

Miles de siareiros conectáronse á cita diaria desde todos os puntos do planeta, converténdose nunha das accións musicais con máis repercusión durante o aillamento. Ducias de medios de comunicación recolleron o fenómeno, espallando por todo o territorio o triunfo da proposta da gaiteira como unha acción viral solidaria baseada na reafirmación de identidade para os galegos da diáspora.

Máis de cincuenta retransmisións a través de Facebook e Instagram, Sen perder o espíritu inicial, Susana Seivane presentaba en exclusiva o contido para os seus veciños e posteriormente, ofrecía a actuación a través das súas redes para o resto do mundo.

Susana Seivane interpretará pezas vencelladas ao noso patrimonio musical, prestando especial atención á relación entre os temas e os lugares escollidos para celebrar os concertos. O repertorio será diferente para cada edición.

Froito desta experiencia maravillosa, Susana Seivane ven de publicar, ‘Dende o meu balcón’, o seu último disco. O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, ou Suso Vaamonde, entre outros, forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades.

Salir de la versión móvil