O fenómeno pre eurovisivo no Benidorm Fest, as galegas Tanxugueiras, chegan a Mos para abrir co seu folk contemporáneo a Festa da Rosa 2022. O concerto, que fora anunciado dentro do plan de recitais que o Xacobeo levará por diferentes puntos da área metropolitana, será totalmente gratuíto e celebrarse nos exteriores de pazo de Mos o venres 3 de xuño ás 22:00 horas.
O luns 13 de xuño, festivo local, a Praza do Concello acollerá os actos centrais do Día da Rosa, nos que os protagonistas este ano serán a letra do Himno de Mos, autoría de Xulio Lorenzo, e o escritor ou escritora que gañe o concurso para escollela. Deste xeito o autor da letra do Himno mosense será o responsable do pregón poñendo a guinda coa interpretación do himno xa cantado, coa súa nova letra.
Haberá máis música tamén na Festa da Rosa 2022, cun concerto de Pelepau o sábado 4 de xuño en Pereiras, o Festival Abrente Folk o domingo 5 de xuño no Centro Dotacional de Torroso, Uxía Lambona o domingo 12 de xuño no Centro Cultural de Guizán e o Concerto para a Mocidade de Beni JR, tamén gratuíto grazas ao apoio da Xunta de Galicia, no Pazo de Mos o mércores 22 de xuño.
A gastronomía será outra parte importante da Festa da Rosa coa tradicional Festa da Empanada, o 13 de xuño na Praza do Concello organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, e unha Feira de Hostalería que terá lugar nos exteriores do Multiusos das Pozas o sábado 11 de xuño.
Tampouco faltará o Encontro de Palilleiras, que este ano chega á súa XIV Edición organizada pola Asociación de Palilleiras de Mos en Costoias, Tameiga, o sábado 18 de xuño.
O teatro será outra das opcións culturais, cun monólogo de Sergio Pazos no Centro Dotacional de Torroso o venres 24 de xuño, e actuación do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade do Concello de Mos, tamén no Centro Dotacional de Torroso, o domingo 26 de xuño.