Tanxugueiras pon fin á súa xira Contrapunto cun espectáculo especial na Culturgal 2021

Publicidad

Tanxugueiras estarán ao vivo na Culturgal 2021 cun espectáculo que promete ser prato forte nesta 14ª edición da Feira. O domingo 28 de novembro ás 18h no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, toda a audacia e enerxía das tres pandereteiras protagonizará a xornada de clausura de Culturgal 2021. O grupo do que máis se fala na música galega dos últimos tempos pola súa extraordinaria capacidade de conectar cos novos públicos e que ultima o seu terceiro disco, anuncia sorpresas e colaboracións para este espectáculo especial. As entradas sairán á venda o luns 18 de outubro a través da plataforma Enterticket.es. O concerto é unha proposta da empresa PlayPlan para a programación de Culturgal 2021, que se celebra do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra.

Co seu primeiro álbum homónimo, publicado en 2018, Tanxugueiras inicia unha traxectoria que as leva a visitar, en só 3 anos, máis de 100 escenarios de todo o planeta acompañadas polas súas pandeiretas. En 2019 chega "Contrapunto", un disco que incrementa as revolucións da música galega coa reinterpretación de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas. Ese mesmo ano participan na Culturgal cun showcase e unha sinatura de discos da que gozaron centos de persoas. Cantareiras dunha nova década, as voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, ateigadas de virtuosismo e contundencia, son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega. Entre os seus galardóns e recoñecementos, o Premio La Opinión 2020 á mellor adaptación dunha peza tradicional, a inclusión entre os mellor 20 discos de world music en maio de 2020 na World Music Cahrts Europe, ou o Premios Martín Códax da Música 2019 ao mellor grupo de música tradicional e folk.

Neste 2021, as cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. O single "Midas", lanzado a principios de ano con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica, pon o foco sobre unhas artistas audaces, chamadas a levar os ritmos e a enerxía da terra por escenarios de todo o mundo. Midas suma case medio millón de reproducción tanto en Youtube coma en Spotify, mais a última proeza das Tanxugueiras chámase Figa e o seu videoclip supera neste mes de outubro as 435.000 reproducións en Youtube. Tamén foi noticia porque se revelou como o tema favorito dos fans españois de cara a Eurovisión 2022 de acordo á enquisa anual entre socios e lectores da web Eurovision-Spain.

As entradas para o espectáculo de Tanxugueiras na Culturgal 2021 que terá lugar o domingo 28 de novembro ás 18:00 horas sairán a venda o luns 18 de outubro. O público que se achegue ao Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra compartirá coas tres pandeireteiras a fin de Xira Contrapunto, o peche dun ano espectacular para o grupo e gozará, ademais, dun concerto especial no que Tanxugueiras subirá ao escenario a diferentes colaboradores.

Culturgal celébrase en 2021 co lema "A cultura que toca" e conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Agadic, do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Cultura e Deporte e da Deputación da Coruña.

Salir de la versión móvil