A Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa vén de presentar a programación cultural dos vindeiros catro meses –outubro/febreiro–, unha programación variada e para todos os públicos e que, nas datas do Nadal, prestará especial atención ás actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas.
A programación deseñada busca que Redondela poida recuperar a normalidade cultural e de programación nos seus auditorios, tanto o de Redondela como o de Chapela, algo fundamental “dado que no inverno téñense que limitar moito as actuacións ao aire libre por motivos climatolóxicos obvios”, apunta a edil de Cultura.
Teatro
O teatro, tanto para adultos como infantil, terá un espazo destacado na programación cultural e, para volver a encher os auditorios, aposta pola rebaixa de prezos das entradas que pasarán a custar 3 € en lugar dos 5 ou 7 euros que custaban en anos pasados. “Rebaixamos o prezo e mantemos a calidade –asegura a reponsable de Cultura–. Redondela sempre tivo tradición de teatro e nós poñemos o noso gran de area para que a veciñanza poida volver a gozar dunha das máis atractivas formas de expresión creativa”.
Pero se o teatro é un valor cultural seguro en Redondela, é preciso que dende a infancia as nenas e nenas poidan comezar a aprecialo. Con ese obxectivo, a programación cultural presentada aposta forte polo IV Ciclo de Teatro Infantil. Unha tarde de domingo de cada mes, as mellores compañías galegas daranse cita en Redondela para ofrecer unha actuación de altísima calidade “buscando promover entre a costume do teatro e o amor polo teatro como contrapunto aos entretementos dixitais tan utilizados”.
Iria Vilaboa destacou especialmente a estrea da produción de Tanxarina, A Cazola de Lola que se vai estrear o 23 de outubro con dúas funcións. Tivo especiais palabras para esta compañía redondelá “que leva case que 40 anos de éxito nos escenarios de Galicia e España e que, indubidablemente, é un orgullo para Redondela. Por iso énchenos de satisfacción que aquí, 'na casa' vaian esterar a súa nova produción en dobre función”.
Aprazar e non suspender
Durante a pandemia, na que a actividade cultural de todos os concellos baixou a mínimos nunca antes coñecidos, foron moitas as administracións que optaron por suspender os actos previstos. A concelleira Iria Vilaboa lembra que, naqueles momentos “o Goberno local e a alcaldesa Digna Rivas recalcaron que Redondela aprazaba as actuacións e non as suspendía”. Agora, o ciclo de monólogos Humor na súa tinta cumpre ese compromiso e recupera as actuacións que no seu momento foron aprazadas El Sevilla, Beatriz Rico, Rafa Maza e Xavier Deltell, disfrazarán de humor e ironía situacións reais, e non tan reais, nunha actividade que sempre contou co apoio do público.
A programación Cultural vístese de música, moita e boa música coa presentación do novo disco de Efémeras, pero cunha aposta clara polos grupos e artistas locais. “Redondela ten talento en moitísimas facetas da cultura –asegura rotunda a concelleira de Cultura– e a nosa obriga como administración máis próxima, e darlles apoio e os medios necesarios para que poidan facer chegar ese talento e creatividade ao público”.
As e os máis pequenos terán tamén música e diversión a cargo de Troula Animación con Uxía Lambona e a Banda Molona ou Paco Nogueiras con Radio Bulebule.
Finalmente, no programa, ten un especial relevo a VIII Batalla de Rande, “a conmemoración dun feito histórico do que foi testemuña a nosa enseada e que se celebrará os días 16, 23 e 24 de outubro organizado pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande co apoio do Concello”, conclúe Iria Vilaboa.