Teatro, observación de estrelas, arte e patrimonio para gozar do outono no Rosal

Publicidad

O que queda de outubro e o mes de novembro veñen cargados de cultura no Rosal. O Concello presentou a súa axenda de outono con máis de dez propostas para todos os públicos. A alcaldesa, Ánxela Fernández, mostrouse “moi contenta” de presentar unha axenda “que recoñece o noso patrimonio e o traballo histórico dos cabaqueiros do Rosal”, ademais de “dinamizar de forma segura a cultura do noso pobo”.

O teatro será o principal protagonista da axenda. Ata catro compañías visitarán o Auditorio Municipal os domingos ata finais de novembro. A primeira en chegar será a obra “Estrafalaria” o día 24 ás 19.00 horas, o 31 a mesma hora será a quenda da produción “Rosalía”, o 14 de novembro chegará “Estrela do Día” ás 19.00 h e, finalmente, o domingo 28 “A pluma viva de Rosalía” rematará o ciclo teatral tamén ás 19.00 h. “Será un outono para desfrutar do teatro no noso Auditorio”, conclúe a rexedora.

Paralelamente o Concello tamén organiza un ciclo de xornadas para poder descubrir o patrimonio do Rosal. O 29 de outubro ás 19.30 a mestra e escritora, Adela Leira, dará a conferencia “Sobre o barro e as telleiras” e o 30 de outubro ás 18.00 h na praza do Calvario ofrecerá unha mostra de traballo da tella coa participación dos cabaqueiros do Rosal. O 19 de novembro ás 19.30 h haberá unha formación para coñecer ferramentas informáticas para o estudo de petroglifos no sur de Galicia cunha posterior visita aos xacementos do concello ás 21.00 h e o 26 de novembro o Concello organiza unha charla sobre arqueoloxía e astronomía ás 19.30 e unha saída para observar as estrelas ás 21.00 horas.

A axenda tamén recolle unha exposición do ilustrador, pintor e escultor Ramón Trigo no Salón de Exposicións do Concello dende o 5 ata o 20 de novembro, e un obradoiro de adornos caseiros o vindeiro día 19 de novembro ás 17.00 h no Espazo de Autoarranxo con inscrición previa no Concello.

Salir de la versión móvil