Todo o que podes facer este venres no Festival de Cans

Publicidad

Este venres a programación de Cans vén cargada de momentos emocionantes, incluíndo o que é probablemente o máis emotivo do festival: a Noite das Homenaxes. A produtora Chelo Loureiro colocará a súa estrela no Torreiro e recibirá o Premio Pedigree'18, máximo galardón do Festival de Cans, en recoñecemento á súa aposta polos novos talentos, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cinema de animación e a súa loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual. Non será a única homenaxeada: a actriz Isabel Blanco e os veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto recibirán o Chimpín de Prata "Premio Pepe Puime", nunha Noite das homenaxes que tamén acollerá a estrea de "Catorce Cans", o making off de Isaura Docampo do Festival de Cans de 2017.

A Noite das Homenaxes terá lugar no Torreiro ás 22:30 horas, e ao seu remate terá lugar un dos concertos máis esperados desta edición, xa que Triángulo de Amor Bizarro chegarán a Cans para presentar o seu novo EP "El Gatopardo" e tocar os seus grandes éxitos. Antes, ás 21:00 horas no Espazo Mahou da Leira de Alicia, terá lugar outro momento especial co Concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro, que repasará o repertorio dos seus catro discos coa intimidade do formato acústico. As e os fans de Depedro terán ademais a oportunidade á tarde de ver "Casamance: la banda sonora de un viaje", o documental de Paloma Zapata sobre a súa viaxe a Senegal na busca do lendario músico Lamina Konté.

O futuro do audiovisual

O Festival de Cans procura ano tras ano servir de escaparate para o cinema que está por vir, atendendo a cineastas que comezan, pero tamén creando dous espazos para proxectos aínda en progreso: "A que andas?" e "Fillas e fillos de Cans". No primeiro deles, que se celebrará no Baixo de Moncho ás 13:00 horas, contamos coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas para abordar cos seus autores e autoras o guion de filmes dos próximos filmes de Ángeles Huerta ("O corpo aberto"), Olga Osorio ("Einstein-Rosen"), Ignacio Vilar ("María Solinho 2.0"), Roi Fernández e Laura Villaverde ("Ursúas"), Roque Cameselle ("A granxa dos malditos") e Borja Cobeaga ("Intringulis"), que tamén protagonizará ás 10:00 horas da mañá o coloquio de Café con CREA, organizado en colaboración Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia.

Pola outra banda, en Fillas e Fillos de Cans serán aqueles e aquelas cineastas que pasaron polo festival en momentos iniciais da súa carreira quen presenten os seus novos proxectos: Jaione Camborda ("Arima"), Dani de la Torre ("La sombra de la ley"), Xacio Baño ("Trote"), Lois Patiño ("Tempo vertical"), Javi Camino ("Nación de muchachos"), Guillermo de Oliveira ("Desenterrando Sad Hill") e Blas Lamazares. Será ás 16:30 horas tamén no Baixo de Moncho e completará esta serie de encontros con profesionais do audiovisual o terceiro dos "Coloquios AISGE", titulado "Acoso sexual: fin do tabú?" e protagonizado por Nieve de Medina, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez.

O Bichero chega a Cans

Entre o resto da programación do Festival de Cans para este venres, destaca a inauguración da exposición retrospectiva de "O Bichero" de Luis Davila. O popular debuxante xa retratou Cans en varias ocasións nas súas viñetas e poderemos ver no Cans Voulevar unha selección delas. Tamén se iniciará mañá MiniCans, a programación infantil do evento, co obradoiro "Da imaxinación á pantalla". Nel, a rapazada realizará curtametraxes con efectos especiais sinxelos e a axuda dunha tablet para cada participante. Completan o programa o desfile de chimpíns das 22:00 horas coa música da Treboada Baixo Miño, a Sesión Discochimpín de David van Bylen e tres das actividades das que o público de Cans xa gozou estes días: un novo programa en direto de "El séptimo vicio" con Javier Tolentino, un novo roteiro cinéfilo-literario de Carlos Meixide e máis actividades escolares en Cans do Futuro.

Salir de la versión móvil