Este sábado 15 de xullo, a partir das 22:30 horas, o Concello de Tomiño fará ás delicias da veciñanza cun concerto de balde a cargo Xosé Lois Romero & Aliboria, un dos máximos renovadores da música de raíz ibérica que podemos atopar no panorama musical actual, os cales chegan co seu segundo álbum, no que manteñen o pulso tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música folk galega. O recital está integrado dentro do programa do concello "O Son das Rúas", que materializa a vontade do consistorio de por en valor a importancia capital que teñen as prazas dos municipios como punto de reunión para os veciños.
Dende o Concello de Tomiño ponse en valor esta proposta cultural da man de Xosé Lois Romero & Aliboria, no que se espera sexa un espectáculo que conquiste ó público cunha extraordinaria posta en escena e cunha frescura sen igual. Con entrada de balde, as persoas asistentes poderán desfrutar dos ritmos e melodías que producen un profundo ‘latexo’ no público. Un proxecto que busca ser un revulsivo catalizador para amosar un xeito absolutamente salvaxe e orixinal de acometer a música tradicional galega: a través de únicamente un coro de voces femininas e percusión tradicional, reinventando as ferramentas para facer música.
Baixo ó abeiro do programa "Musigal", posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, este será o terceiro concerto que albergará o concello miñoto no que vai de verán baixo o seu programa "O Son das Prazas", precedido polo anteriores concertos de Caamaño & Ameixeiras (7 de xullo) e polo de Tatiana Komar e Elena Alonso (14 de xullo).