Tomiño despide xullo coa música folk de Treixadura

Publicidad

O recoñecido grupo de música folk Treixadura pecha na noite deste sábado o ciclo o Son da Praza do mes de xullo en Tomiño. A formación musical, que mestura o canto coa gaita, presenta o seu último traballo "Vendimia tarda", o seu sexto disco no que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas. O recital terá lugar ás 22:30 horas na Praza do Seixo.

Treixadura constitúe dende 1990 un espectáculo musical sorprendente. Supón a música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas como son o canto e a gaita. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.

Treixadura acumula neste camiño 25 anos de gravacións e concertos, seis discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discograficas, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo tan arraigado en Galicia.

O grupo, considerado un dos mellores no panorama galego, fai un oco na súa axenda para visitar Tomiño hoxe sábado antes de levar o seu espectáculo á Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e en outros puntos de Galicia como Mondariz, Viveiro, Astorga ou Boimorto no Festival da Luz.

Salir de la versión móvil