Pablo Díaz chega este sábado, 7 de outubro, a Tomiño co seu espectáculo de música pensada para as pequenas e pequenos, pero tamén para os maiores. TIC TAC TOC é o nome do show co que Tomiño inaugura unha nova edición de programación cultural de outono.
O espectáculo presenta as cancións do último traballo de Pablo Díaz á vez que percorre pezas de traballos anteriores. Nas palabras do artista, “é moi importante que os nenos e nenas acudan a este tipo de concertos, pero tamén os seus pais e nais”.
A obra percorreu gran parte de Galicia na pasada primavera, onde acadou unha gran convocatoria e éxito de público. O artista foi ademais merecedor de importantes premios como o Premio Anisia Miranda, Premio Martín Códax ou o Premio Frei Martín Sarmiento.
O Concerto terá lugar ás 18:00 horas no Auditorio de Goián e a entrada é de balde para nenos e nenas, e de 3€ para as persoas adultas.
O vindeiro domingo, 15 de outubro, o teatro de Contraproducións chegará coa súa obra “O tolleito de Inishmaan”. Trátase de un espectáculo de gran formato (8 actores de prestixio, potente escenografía, música emocionante composta para o espectáculo, iluminación atractiva) no que o público se sentirá atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan entrañable, tan noso, coma o irlandés.
A programación “Outono Cultural” continuará durante o mes de outubro e novembro cunha variada oferta de espectáculos do ámbito da música e do teatro e sendas exposicións no Mercado de Tomiño.