O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, segue engadindo nomes ao seu cartel. Aos xa coñecidos e anunciados, entre os que figuran nomes tan destacados da escena galega, estatal e internacional como Ska-P, Ana Tijoux, Zoo, Desakato - que ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia-, Fillas de Cassandra, Lamatumbá, Tropa do Carallo ou Dakidarría –que gravarán en Vilaxoán o disco en direco de conmemoración do seu XX aniversario-, entre outros, súmanse agora outra chea de artistas.
Nomes que son garantía de festa e compromiso como o colectivo madrileño de cumbia-punk, rap, reguetón combativo e música electrónica, como Tremenda Jauría, o grupo formado por excompoñentes de La Raíz; ou Nativa. Tamén estarán no Revenidas a banda de ska, reggae e rock La Regadera, a gran revelación da música galega deste ano -con permiso de Fillas de Cassandra-, The Rapants e un nome propio con maiúsculas no desenvolvemento e modernización da nosa música tradicional como é Xosé Lois Romero e Aliboria.
Ademáis, tamén conforma este cartel un nome febrilmente emerxente desa mesma escena como é Mondra, os cada vez máis arrebatadoramente festivos Familia Caamagno, a conexión entre Latinoamérica e Galicia que representa Sheila Patricia e o principal exponente da música electrónica en euskera, Zetak.
A gañadora do concurso de Sonidos Mans, unha promesa da música galega que xa é realidade, Hydn, estará por primeira vez sobre o escenario de Vilaxoán e non poderían faltar propostas para público familiar como Uxía Lambona e a Banda Molona. Dúas Dj’s femininas que repiten tralo éxito acadado o ano pasado: Kris K Dj e La Yaya Dj.
A estas novas incorporacións o Revenidas sumará nos vindeiros días outras presenzas, así como as clásicas actividades paralelas como son a Gala de Circo, os concertos a bordo, os roteiros guiados e a sardiñada popular que terá lugar domingo 10 de setembro.
O próximo xoves 29 desvelarase o cartel por días e poranse á venda as entradas para días soltos, na mentres, as entradas pódense adquirir a través da páxina web do festival a un prezo de 57 euros o abono de catro días.