O venres tivo lugar a presentación do Festival de Outono de Corais na sala de reunións do Concello de Tui, que se celebrará o vindeiro mércoles, 11 de outubro, ás 20:00 horas no Teatro Municipal no edificio da Área Panorámica.
O Festival de Outono de Corais de Tui dará comezo ás 20:00 horas coa Coral Centro Social de Tui, dirixida por Moisés Lorenzo Alonso. Esta coral conta na actualidade con 33 voces mixtas. Foi recuperada no ano 2001 despois de varios anos de inactividade, e dende entón teñen actuado na zona do Baixo Miño e na comarca de Vigo e participado en iniciativas como os festivais de panxoliñas de Caixanova.
O seu repertorio será o seguinte:
1. Camariñas (popular)
2. La Aurora (arranxo Moisés Lorenzo)
3. Yo vendo unos ojos negros (Pablo Ara)
4. Chiquitita (arranxo Ángel Viro)
5. Aleluya (Leonard Cohen)
A Coral Polifónica Ponte das Febres comezou a súa andadura no ano 2002 con 20 compoñentes. Na actualidade está dirixida por Rafael Pérez e conta con 40 coristas. Tamén teñen participado nos festivais de panxoliñas no Auditorio Caixanova de Vigo, amais do II Festival de Habaneras Deputación de Pontevedra.
O seu repertorio será o seguinte:
1. Como chove miudiño (Ángel Viro)
2. Homenaje a Rey Rivero (Víctor Mogueiras e José Iglesias)
3. Meu amor é mariñeiro (Fuxan os ventos)
4. Paloma mensajera (Ángel Viro)
5. O canteiro (Uxío Dávila e José Oliveira)
Por último actuará a Coral San Telmo, creada no 2015 por un grupo de antigos compoñentes da desaparecida Coral de la Santa Iglesia Catedral de Tui. A súa presentación en público foi en marzo de 2016, sendo xa dirixida naquel momento por Celso Diego Martínez. Na súa corta traxectoria actuou no festival de corais da semana cultural de San Bartolomeu e organizou o I Encontro de Corais da Eurocidade, amais de colaborar con distintas bandas e agrupacións musicais.
O seu repertorio será o seguinte:
1. Foliada de Compostela (tradicional galego)
2. La Capitana (Carlos Rubiera)
3. Te Quiero (arranxo Liliana Rubiera)
4. Cançao do mar (arranxo Ramiro Lopes)
5. Sementeira (arranxo Xose A. Oliveira)
Presentación do Festival de Outono de Corais de Tui
O rexidor de Tui, Enrique Cabaleiro, puxo de manifesto o orgullo de contar no concello con tres corais e recoñeceu o seu labor no eido musical, pero tamén dende o punto de vista social ao facilitar a participación na vida pública de moitos veciños de Tui.
A concelleira de Cultura, María José González, aproveitou a presentación para explicar que este festival nace dun compromiso do Concello de Tui para dedicar un día do calendario de espectáculos do Teatro Municipal ás tres corais da cidade, que levaban tempo reclamando ese espazo para os seus concertos.
Pola súa parte, Marta Rodríguez, presidenta da Coral Ponte das Febres; José Manuel Martínez, presidente da Coral Centro Social de Tui; e Vicente Álvarez, tesoureiro da Coral San Telmo; quixeron agradecer a oportunidade que lles brinda o Concello de Tui de mostrar aos veciños da cidade o seu traballo nesta cita.
Na presentación do evento compareceron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, María José González; o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón; e representantes das tres corais que participarán no evento Marta Rodríguez, presidenta da Coral Ponte das Febres; José Manuel Martínez, presidenta da Coral Centro Social de Tui; e Vicente Álvarez, tesoureiro da Coral San Telmo.