Tui, cidade cultural: seis obras de teatro e "O que arde", protagonistas da programación

Publicidad

Tui presentou o pasado venres o seu “menú” cultural, unha axenda na que ademais de citas como o Entroido, as festas de San Telmo ou o Play-Doc, o concello baixomiñoto terá unha importante programación teatral, con oito representacións en menos de dous meses. Catro espectáculos para público infantil, dúas pezas teatrais para público adulto, a proxección da película “O que arde” e un concerto integran esta “Corredoira Cultural” que plasma os eventos que terán lugar tanto no Teatro Municipal como ao aire libre.

A programación abrirase o próximo venres 7 de febreiro coa proxección de “O que arde”, o filme de Oliver Laxe que recibiu recentemente dous Premios Goya á Mellor Actriz Revelación para Benedicta Sánchez e o de Mellor Dirección de Fotografía para Mauro Herce. Ademais, o cinema volverá ser protagonista coa celebración dunha nova edición do Play-Doc, que terá lugar do mércores 29 de abril ao domingo 3 de maio.

A proposta teatral comezará cunha peza para o público infantil, que poderá gozar coa representación de “Zapatos”, a obra para bebés que en dobre pase achegará ao teatro tudense Caramuxo Teatro o sábado 8 de febreiro. Tamén para a cativada estará a proposta de “A nena e o grilo máis aló”, o show músico-teatral que achegará Magín Blanco o sábado 15 de febreiro, e con “The show moscón” que Galitoon presentará o venres 6 de marzo. Ademais, o espírito de Roald Dahl tamén será protagonista nesta “Corredoira Cultural” con “Aguratrat”, que se poderá ver o venres 13 de marzo a cargo de Pérez & Fernández.

As compañías Talía Teatro e Contraproducións serás as encargadas de achegar as opcións teatrais para o público adulto. O venres 14 de febreiro, Patricia Vázquez e Rebeca Montero levarán a escena “A compañeira de piso”, unha comedia escrita por Jen Silverman. O sábado 7 de marzo “Vida de cans” será a obra que representen Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo nunha montaxe de Talía Teatro. Trátase dunha comedia escrita e dirixida por Cándido Pazó.

A programación do Teatro Municipal anuncia para o sábado 14 de marzo o concerto “Memoria da melancolía” da man do tudense Samuel Diz. O músico e investigador homenaxea a María Teresa León no seu novo traballo discográfico. Faino a través da súa autobiografía e de músicas inéditas de compositoras e compositores coetáneos á escritora que viviron o exilio republicano da Guerra Civil española.

No referente ás actividades a celebrar ao aire libre, a primeira será o Entroido co desfile concurso o martes 25 de febreiro -festivo local- e o Enterro do Bacallau o domingo 1 de marzo. A seguinte cita será do sábado 11 ao luns 20 de abril coas festas de San Telmo. Para celebrar o Día das Letras Galegas -17 de maio-, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, Tui organiza a vixésimo terceira edición da Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente. O rexedor sinalou que “Tui sempre tivo, ten e terá na cultura unha das súas sinais de identidade”, indicando que a programación cultural “ten que ser tamén o reflexo de todo o noso patrimonio material e inmaterial” aludindo ademais á promoción da cultura, tanto activa como pasiva, que se realiza dende o Concello. Pola súa banda, a concelleira de Ensino e Cultura destacou que a axenda “Corredoira Cultural”, da que se edita xa o número 38º, forma parte xa cidade agardando que o público goce dos espectáculos previstos tanto no Teatro Municipal como ao aire libre.

Enrique Cabaleiro e Sonsoles Vicente avanzaron que están a traballar na realización dunha axenda conxunta con Valença xa que “é o elemento transfronteirizo nos distingue e engade un valor engadido”, afirmou o alcalde tudense. Neste senso, o rexedor avanzou que o luns 10 de febreiro, na Cámara de Valença celebrarase un pleno conxunto entre as corporacións municipais de Tui e Valença para conmemorar o oito aniversario da creación da Eurocidade.

 

Salir de la versión móvil