Tui inicia o Ano Xacobeo cunha exposición do Camiño de Santiago en 3D

Publicidad

A Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica acolle dende esta semana, e até o 10 de febreiro, a exposición “De Mar a Mar: o Camiño de Santiago en 3D”. Esta exposición chega a Tui grazas á cesión realizada por Turismo de Galicia.

As fotografías expostas realizáronse coa técnica estereográfica, polo que para a o seu visionado son precisas unhas gafas especiais que se proporcionan de balde aos visitantes. A exposición presenta unha trintena de imaxes en tres dimensións do Camiño Portugués e do Camiño de Fisterra e Muxía en tres dimensións, con pezas espectaculares e de gran formato

O título desta mostra fai referencia ao mar das rutas atlánticas co que comeza a exposición, ao mar das costas lusitana e galega, tan ligado aos camiños portugueses de peregrinación a Santiago así como ao chamado camiño inglés, para rematar, unha vez se chega a Compostela, no océano aberto da Costa da Morte, final físico e simbólico do camiño a Fisterra e Muxía.

Na exposición amósase o Camiño de Santiago coma unha ruta universal, espiritual, histórica e monumental. É o primeiro Itinerario Cultural Europeo, que ten como meta a chegada á tumba do apóstolo Santiago o Maior en Santiago de Compostela, recollido en imaxes que representan un encontro co patrimonio histórico, a natureza, a paisaxe e a confraternidade entre as xentes peregrinas.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, indica que esta exposición é a primeira actividade realizada polo Concello de Tui para abrir a celebración do Xacobeo 2021-2022. Este ano xubilar, que acaba de iniciarse, é unha excelente oportunidade para posicionar á nosa cidade como a porta de entrada en Galicia dos camiños portugueses de peregrinación a Compostela e preparar a oferta tudense de cara ao momento en que, superadas as consecuencias da actual pandemia da Covid 19, os camiños xacobeos recuperen o tránsito dos peregrinos.

Salir de la versión móvil