Tui contará até o mes de decembro con nove espectáculos teatrais e o tradicional concerto de nadal dentro da súa programación cultural, que foi presentada esta mañá. Entre as representacións que chegarán ao municipio baixomiñoto destacan ademais dúas estreas, a de “Planeta Ardora”, da compañía Trompicallo, e “Chola a it girl”, de ArtesaCía.
Precisamente, o Teatro Municipal tudense abrirá as súas portas este mesmo venres coa estra da primeira delas, “Planeta Ardora”. Dirixida por Marián González, conta a historia dun afastado planeta no que habitan moi distintos seres e que de pronto, entra “na escuridade”.
Entre a programación, haberá tamén espazo para compañías locais da área metropolitana de Vigo con “Aire”, da mosense Uxía Senlle que reflexiona sobre a diversidade e a integración, e “Elisa e Marela”, da compañía do Porriño A Panadería.
Amais, a concelleira de Cultura do Concello de Tui, María José González, quixo reivindicar o papel da muller na axenda teatral desta última parte do ano, con especial referencia ao caso de “Chola, a it girl”, que fala da realidade da muller rural do século XXI, blogueira e youtuber.
Programación para todos os públicos
Das nove representacións que pasarán polo teatro tudense, destaca o seu esforzo para que cheguen á maior porcentaxe posible de idades. Deste xeito, cinco delas son para público familiar e unha para bebés. Outro dos puntos claves da programación deste ano é o seu apoio ao teatro feito en Galicia co 100% de compañías galegas e en galego.
Como de costume, os prezos seguen a ser especialmente axustadas con entradas que van entre o 2,5 e os 6€.
Deste xeito, a programación cultural tudense comezará con “Planeta Ardora”, de Trompicallo (6 de outubro), e continuará con “Resaca”, de Ilmaquinario (7 outubro); “Chola a it Girl”, de ArtesaCía (20 outubro – estrea); “Aire”, de María Fumaça (21 de outubro); “Elisa e Marcela”, de A Panadería (3 de novembro); “Outono”, de Pistacatro (4 de novembro); “Redondo”, de Caramuxo (10 de novembro); “A nena que quería navegar”, de Redrum (11 de novembro); “Nacidas libres”, de Contraproducións (17 de novembro) e finalizará co concerto de Nadal a cargo da Orquestra Sinfónica de Tui (22 de decembro).
Unha axenda “ambiciosa”, en palabras do alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, quen resaltou o papel xogado por Tui no campo teatral ao atraer a veciños de toda a Área Metropolitana.
A presentación desta mañá asistiron o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, Mª José González e o director do AGADIC, Jacobo Sutil, amais de Emi Candal, membro de Urdime, distribuidora da compañía Trompicallo; Melania Cruz, actriz de IlMaquinario; Laura Villaverde, produtora e actriz de ArtesaCía; Manuel Sío, integrante de María Fumaça; e Rubén López, director do Conservatorio de Música Profesional de Grao Medio e Escola de Música Municipal de Tui e director artístico da Orquestra Sinfónica de Tui.