Tui celebrará entre o sábado, 31 de marzo, e o luns, 9 de abril, as súas festas grandes. Declaradas de Interese Turístico Galego, as festas de San Telmo recuperarán este ano unha das súas características esenciais, o seu apartado gastronómico.
Así, segundo avanzou o alcalde da cidade, Carlos Vázquez Padín, o municipio recuperará novamente a súa Festa do Meixón, que nos últimos anos celebrábase intermitentemente e sen carácter fixo no calendario. Neste senso, Padín avanzou que o Concello quere colaborar activamente cos restaurantes da cidade, os encargados de darlle un “perfil propio” á festa.
Aínda que o Concello non desvelou o número de participantes, búscase crear algo semellante a un roteiro polos diferentes establecementos cun prezo común para estes pratos. Ademais, o día 24 de marzo celebrarase un “Showcooking” na Praza de San Fernando para poñer en valos as receitas con este peixe característico da desembocadura do Miño.
Este ano, o novo goberno municipal quere reducir drasticamente o orzamento dedicado ás festas, pasando dos 140.000€ do ano 2017 a 80.000€ anotados na partida do proxecto orzamentario deste exercicio. “Será difícil”, recoñece o alcalde tudense, aínda que amosa a súa determinación a reducir os custes.
As atraccións volven ao aparcamento municipal
Un dos puntos do ano pasado que xeraron máis tensións foi a determinación do anterior goberno a reubicar as atraccións de feira da traseira da Área Panorámica. Por entón, o Concello esgrimía a proximidade do recentemente inaugurado centro de saúde como punto de peso, xa que os ruídos das atraccións deturpaban a tranquilidade precisa para unha infraestrutura sanitaria. Outro dos puntos que levaron a modificar a situación foi a necesidade de contar con aparcamento necesario. Así todo, os feirantes rexeitaron a medida e finalmente non acudiron ás festas.
Agora, o goberno de Vázquez Padín explica que é preciso volver a situar estas atraccións nas proximidades do centro de saúde xa que “xeran ambiente e son un elemento de divertimento” ademais do “retorno económico” que estiman se situará nos 15.000€. Para evitar os ruídos o executivo local instalará un fío musical común para todas as atraccións, establecerá horarios e medirá os límites de ruído. “As que incumpran serán precintadas”, avisa o primeiro edil tudense.
Con todo, a medida volve ser provisional xa que o propio rexedor local asegura que “é moi posible que sexa o último ano” que se poden situar aí.
Que sabemos e que non das Festas de San Telmo de Tui
- Tui recuperará a Festa do Meixón, pero celebrarase nos diferentes restaurantes “sen custe” para o Concello. Haberá unha ruta cun prezo común.
- O pregón das festas trasládase a Praza de San Fernando, en lugar do Teatro Municipal para darlle un “carácter máis rueiro”.
- Recupérase a localización das atraccións, aínda que contarán cun fío musical municipal e controis de ruídos e horarios.
- O Concello ten arestora “moi avanzadas” as negociacións para que o primeiro equipo do R.C. Celta e un equipo da primeira división portuguesa xoguen no Álvarez Durán.
- O Concello promete un concerto e orquestras “de primeiro nivel”.
- O orzamento será moi inferior a do anos anteriores, en torno a 80.000€.