Este domingo, 3 de abril, volverá realizarse o roteiro teatralizado “Camiñando con elas” en Tui. Ante a boa acollida e interese rexistrado na primeira ruta realizada o pasado domingo, 20 de marzo, organizouse unha nova visita, que sairá ás 12:00 horas da Praza da Inmaculada.
Da man de María Chamadoira realizarase un percorrido dunha hora polo conxunto histórico, no que se poderá coñecer a historia e a vida de dez mulleres tudenses: Rosa Bahamonde, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, Clara Torres, Josefa Correa, Conchiña Concheiro, Mª Suárez Sarmiento, Evagelina Jaso, Cándida Rodríguez e Antonia Saravia. O roteiro, que foi ilustrado pola artista Gemma Marqués, forma parte do proxecto “A Tui das Mulleres”. As prazas son limitadas e para asistir é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.
O programa “Dereito a estar, dereito a achegar” organizada polo Concello de Tui continúa o xoves coa derradeira charla do ciclo “Xuntas Aprendemos” coa intervención da psicóloga clínica Minerva Ojeda sobre “Mitos do amor romántico”. A cita será ás 18:00 horas na Aula da UNED.
Por outra parte foi suspendida a proxección de "El proxeneta" con Mabel Lozano, prevista para o mércores no Teatro Municipal, por causas alleas á organización.