Últimas oportunidades en Vigo de ver a obra que relata o primeiro casamento gay en 1901

Publicidad

Últimas oportunidades de ver unha obra de teatro que "marcou varios fitos". Despois de seis anos en cartel e máis de 280 funcións, "Elisa e Marcela", o espectáculo máis premiado da compañía A Panadaría, despídese dos escenarios cunha xira de 11 funcións, que recalará en Vigo este xoves, 29 de xuño.

As dúas derradeiras función en Vigo de "Elisa e Marcela" terán lugar no Auditorio Muncipal ás 19:00 e 21:30 horas. As entradas para a primeira función están esgotadas. As da función das 21:30 poden mercarse na plataforma Ticketrona a un prezo de 10 euros.

Co gallo da despedida e das dúas derradeiras representacións do espectáculo en Vigo, A Panadaría organiza tamén o xoves outras dúas actividades: un taller de drag king e outro de conciliación. O obxectivo do obradoiro de drag king é explorar a masculinidade a través das ferramentas de esaxeración e parodia. A Panadaría anima aos e ás participantes a atreverse "a sacar o macho que levas dentro a través do vestiario, a maquillaxe e o baile nunha sesión de xogo e diversión".
O obradoiro, que estará coordinado por Nicolás Otero, Nico Elsker, impartirase no local da asociación Nós Mesmas (rúa do Conde de Torrecedeira, 19), de 16:00 a 18:00 horas. A participación é libre e de balde se ben require duna reserva previa.

A continuación do taller e na mesama localización, de 18:30 a 21:00 horas, e previo á primeira das funcións, A Panadaría ofrece un obradoiro conciliador para "que as túas crianzas gocen dun tempo de xogo mentres ti vas ao teatro", explican dende a compañía.

As persoas que merquen a súa entrada para esta función recibirán un e-mail no que poderán efectuar a inscrición de nenos de entre 6 e 12 anos neste obradoiro, de xeito que as crianzas estean atendidas e entretidas en tanto os seus país e nais asisten ao espectáculo.

Un espectáculo que marcou varios fitos

"Elisa e Marcela" é un espectáculo que marcou varios fitos no recente teatro galego. No só polos numerosos galardóns conseguidos, polas xiras realizadas, dentro e fóra do territorio e polas críticas recibidas. Foi a primeira montaxe teatral da historia do teatro galego en abordar a temática lésbica de forma explícita e protagonista e a primeira tamén en poñer a historia destas dúas mulleres sobre as táboas.

A obra teatral representa a historia de dúas mulleres, Elisa e Marcela, que o 8 de xuño de 1901 casan na igrexa de San Xurxo na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda e os posteriores sucesos que envolven a súa historia convérteas no primeiro matrimonio lésbico do que temos constancia en todo o Estado mais tamén nunhas das mulleres máis transgresoras da Historia de Galicia. Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas.

Salir de la versión móvil